11/10/13

OINK! A REVISTA DO XABARÍN CLUB

Dende comezos do mes de setembro podemos atopar nos quioscos cunha regularidade mensual Oink! A revista do Xabarín Club, un proxecto nado coa finalidade de achegar aos rapaces entre 6 e 15 anos unha publicación periódica, en galego, con contidos divertidos, relacionados co mes en que se publica e dándolle protagonismo á banda deseñada. Malia retomar o nome do exitoso programa da CRTVG, O Xabarín Club, non está vinculada a este medio de comunicación, xa que é unha produción de Agalip S.L.

Este número 2 está centrado no Samaín e recoméndovola a todos, non só mozos con inquedanzas variadas, senón tamén aos centros educativos, xa que é un material moi asequible (3 euros) para incluír nas vosas caixas de lecturas das aulas e da Biblioteca escolar e, por suposto, ao profesorado. Pasatempos, recomendacións de apps, libros e películas, historias curiosas, actividades culturais de actualidade, manualidades fáciles e vistosas e un calendario mensual en formato A-3 forman parte do contido dos seus números, amais das bandas deseñadas. En concreto, este exemplar inclúe unha banda deseñada de KiKo da Silva titulada "Aprende a debuxar cómics con Fiz", que permite achegar esta actividade de creación ao alumnado de ESO e, de seguro, que con moito éxito. Xa me tarde poñela en práctica!





Parabéns por este proxecto a Agalip e desexámoslle unha longa vida a Oink!, que ha ser así, a xulgar polo entusiasmo co que se está levando a cabo este proxecto.