31/12/16

AQUELES DÍAS EN QUE ERAMOS MALAS DE INMA LÓPEZ SILVA (1º de Bacharelato)

Despedimos o ano cunha lectura que vai ocupar o noso segundo trimestre e que, de seguro, non vos deixará indiferentes polos temas que trata e polo perfil das personaxes que aparecen nela. Trátase da última novela de Inma López Silva titulada Aqueles días en que eramos malas (2016).

Como apoio para a elaboración das vosas videocríticas, podedes botar man dos seguintes recursos (pero nunca plaxialos ;-)):

a) A breve crítica sobre a novela elaborada por Ramón Nicolás no seu Caderno da crítica.

b) A tamén breve crítica na bitácora Lecturafilia.

c) A entrevista que Xesús Fraga lle fixo á autora no xornal A voz de Galicia (19/8/2016) con motivo da publicación da novela.



f) O booktrailer da novela, elaborado por Carla Cabaleiro.


Feliz 2017 e boa videocrítica!

Tedes ao voso dispor o vídeo da xornada coa escritora no noso centro.

12/12/16

SICIXIA E... AS CANTIGAS DE AMIGO (1º Bacharelato)

Dende hai unhas semanas podemos ver no cine o filme Sicixia, baixo a dirección de Ignacio Vilar. A propósito da estrea, o escritor Xoán Costa proponnos unha interpretación desta longametraxe en relación coas cantigas profanas de amigo, ás que lles temos dedicado unhas cantas sesións na aula.

Premendo aquí podedes ler o artigo publicado no xornal dixital Sermos Galiza (2/12/2016) e, por suposto, deberiades ir ao cine comprobar se o que nos conta Xoán Costa é certo. 




"Ai meu amigo, se [vós] vejades" (Johan Soarez Coelho)

26/11/16

TRABALLAMOS A VIOLENCIA DE XÉNERO

Como sabedes, o 25 de novembro celébrase o Día internacional contra a violencia de xénero e, ademais das actividades levadas a cabo no centro, imos traballar na aula cunha serie de recursos que ofrecemos aquí.

a) A canción "Camiños", interpretada por Pauliña.



b) O poema de Ana Romaní incluído na obra O diario da princesa (2002):


                                                                           "Segundo as estimacións, entre un trinta e un
                                                                              cincuenta por cento das mulleres do planeta son
                                                                              golpeadas e humilladas polos seus compañeiros."
                                                                                             (La Voz de Galicia. 26. nov. 2000, páx 31)
1.
Que me amaba
que daría por min
que subtraería do seus ollos
o sol
para así iluminar o altar
no que me adora
que serían poucos os días
que puidese beber
sen esgotar a sede
cando nada se verque sen min
nos pradairos.


2.
Íalle todo en mirar
a calor do meu corpo
o seu corpo
o sempre posuído
no altar
como enfermos
e toda a enfermidade comigo
que tanto me ama
cando me ve fregando
as frías baldosas do noso amor
con lixivia


3.
A min que tanto amas e destrozas
veñen lentas as fías dos remorsos
enredar a culpa:
para a miña contemplación
deitas o teu corpo de narciso
no alcatrán
e que pasen quilómetros
por riba do teu peito de amante estrábico
Tanto te me entregas
a min
trabada estatua do espanto


4.
Que o alcatrán penetre
soldada a dor
ós teus desexos

desexas

e faise en mín
a desolación


5.
Meu amante de alcatrán
tingue vermella a melena
dos días

peitéoos eu
devastada


6.
Desfaime as dobras
meu amor
de lixivia
que eu zurzo os ollos
para así non te ver

pois tanto te temo


7.
A min que tanto amas e destrozas
naceranme os labios
e será razón.
  https://sites.google.com/site/anaromaniantologia/


c) O relato de María Reimóndez titulado "A esencia da cidade" que fai reflexionar contra a violencia machista. Descargable dende aquí.

Xuntémonos tod@s contra a violencia!

24/10/16

A LUSOFONÍA


Nesta ocasión ímonos achegar aos 8 países que teñen como lingua oficial o portugués, denominados países lusófonos.

Comezaremos visualizando o vídeo Sotaques da língua portuguesa e escoitaremos as seguintes músicas, que nos van permitir valorar as diferenzas entre o galego, o portugués peninsular e o portugués do Brasil.






Non poderiamos falar da lusofonía sen ter en conta o festival Cantos na máre, que xa coñece tres exitosas edicións.

Gostam das músicas? ;-)

23/10/16

O ESPELLO DO MUNDO... UNHA NOVELA CENTRADA NA IDADE MEDIA (1º Bacharelato)

Este verán vía a luz a primeira novela de Ramón Nicolás, profesor e crítico literario, que da man da editorial Xerais se mergullou no mundo medieval co Espello do mundo.

O protagonista desta obra é o profesor Martiño, quen ten a encomenda de investigar os contidos duns documentos antigos relacionados co cenobio feminino de San Pedro de Ramirás (Ourense).

Aproveitando que estamos estudando a literatura medieval, recoméndovos a lectura desta novela polo ben documentada que está, porque amosa a figura das "mulleres con poder" durante o medievo e porque vos pode axudar a achegarvos á Idade Media dunha maneira amena e agradable.

Aquí podedes ver a entrevista que lle fixeron ao autor no programa ZigZag diario da CRTVG.




01/07/16

BO VERÁN A TODOS/AS!

Despois dun curso de traballo chega o verán, así que descansade e non vos esquezades de ler.



19/06/16

VIAXE Á CELANOVA DE CURROS ENRÍQUEZ E CELSO EMILIO (3º ESO)

Este ano, novamente visitamos as vilas de Celanova e Vilanova dos Infantes, ambas as dúas na provincia de Ourense, para achegármonos á obra dun dos escritores máis destacados do Rexurdimento galego. Manuel Curros Enríquez e, de paso, tamén aproveitamos para coñecer a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro e, incluso, a de Xosé M. Méndez Ferrín.




Nun día tan literario a Televisión de Galicia gravounos facendo o roteiro por Celanova e, por iso, saímos no programa Vivir aquí! Para ler e falar. Día das Letras Galegas (14/05/2016) -a partir do minuto 20:00.





Temos que agradecerlle a Paula, a nosa guía, achegarnos dun xeito tan ameno e didáctico á vida e obra dos escritores da comarca. 
Grazas, Paula, en nome de todos nós!

08/06/16

A RUTA LITERARIA DA OBRA A praia dos afogados

O venres pasado seguímoslle a pista á novela A praia dos afogados de Domingo Villar e tivemos o pracer de contar cun guía de luxo: o arqueólogo Xosé Lois Vilar. Velaquí quedan algunhas das imaxes e, por petición vosa, as pezas musicais que ambientan esta novela tan intrigante. 




Alumnado de 4º de ESO (A e B) do IES Ribeira do Louro do Porriño


A música da novela

a) O inspector Leo Caldas, entre reflexión e reflexión, escoita na súa casa a peza de Louis Armstrong "Exactly like you".

b) Caldas está moi encabuxado cunha canción que soa no programa radiofónico en que participa (Patrulla nas ondas). Trátase de "Promenade" ou "Walking the dog" de George Gershwin.

c) O amigo de Caldas Manuel Trabazo, médico xubilado afeccionado á pesca, cataruxaba moito unha canción de Léo Ferré titulada "Avec le temps". Esta canción tamén era unha das favoritas da nai do inspector.

d) O mariñeiro morto, Xusto Castelo (alcumado o Rubio) asubiaba acotío a "Canción de Solveig" de Peer Gynt (suite nº 2), que compuxo Grieg.

Desfrutade da música e, por suposto, da literatura! :-)




Ah! Preparade os flocos de millo, que o 20 e o 21 deste mes veremos a película.

20/04/16

Tres feridas de Manrique Fernández

O día 29 de marzo veu ao centro o escritor e xornalista Manrique Fernández para falarnos da súa novela, recentemente publicada, titulada Tres feridas.

A obra artéllase en torno á figura de Elina, Rafael e Eduardo, os protagonistas que van vivir unha historia de amor/desamor artellada ao redor de tres feridas: a da vida, a do amor e a da morte. Madrid, Santiago de Compostela, Nigrán e Rianxo son localizacións polas que transcorre a historia e onde os personaxes, perfectamente definidos, van desenvolver as súa vivencias.

Grazas, Manrique F. por conversar connosco sobre a túa novela!







Falan os lectores e as lectoras:

O libro gustoume moito. Ao principio non me entretiña moito, xa que había moita descrición, pero despois, encantoume. A súa estrutura é ben interesante; as "Tres feridas" chamáronme moito a atención.
Outra cousa interesante é que moitos espazos son coñecidos para min e isto fai que viva a historia en primeira persoa.
O final deixoume con moita incertidume, pero aínda así non o cambiaría por outro.

Laura Pérez Rodríguez (4º ESO B)

_______

Gustoume moito o libro, sobre todo o final e a forma na cal o autor detalla cada lugar que aparece na novela. Tamén me pareceu moi interesante a evolución que sufriron os personaxes, que ensinan ao lector que as apariencias moitas veces enganan.

Alba Caballero Pérez (4º ESO B)

_______

O libro gustoume bastante porque é unha historia ben desenvolvida, cun nó que engancha ao lector e o mantén sempre con intriga. Tamén me gustou o final, a pesar de ser inesperado.

Fabián Beltrán Losada (4º ESO B)

_______

O libro gustoume moito. É a primeira obra que leo que ten un final aberto. A verdade é que ao principio aburriume un pouco, pero a medida que avanza a lectura, fáise entretido.

Jeanette Fernández Carrera (4º ESO B)

_______

A min o libro gustoume debido á súa trama, que me pareceu moi interesante. Ademais a súa estrutura axuda a deixar toda a historia clara. Tamén é preciso destacar que os personaxes teñen un encanto especial.

Daniel Represas Balado (4º ESO B)

_______

A miña opinión sobre o libro é moi boa, xa que me parece unha historia interesante e tamén moi entretida. Gustoume toda historia menos o final, que me deixou un pouco no aire e iso non me gustou.

Daniel Rodríguez Muñoz (4º ESO B)

_______

A min gustoume moito este libro, porque os temas están moi ben contados e son moi sinxelos de ler. É un libro que engancha desde o principio. A forma na cal se divide o libro, en tres feridas, tamén me gustou moito, aínda que me decepcionou un pouco que o final fose aberto.

Alba Barreiro (4º ESO B)

________

O libro gustoume moito. Chamoume a atención a súa estrutura e os personaxes que tiñan unha personalidade moi marcada e coa que ás veces me sentía identificada. O único que non me gustou moito foi o final; prefería que fose máis claro.

Laura Soliño Alonso (4º ESO B)

_______

A min, persoalmente, o libro gustoume moito, aínda que ás veces me pareceu un pouco lioso; ao principio a lectura non me enganchaba, pero segundo avanzaba a historia foime gustando cada vez máis. O final inicialmente non me convencía, pero despois de coñecer o autor e falarnos da obra, entendino moito mellor.

Nerea Fernández Diz (4º ESO B)

_______

O libro gustoume moito, xa que a pesar de tratar un tema moi común como é un secuestro, cóntao dunha maneira diferente ao habitual e deixa o final aberto para que nós, os lectores, lle poñamos o noso propio final.

Bianca Martínez Lemos (4º ESO B)

_______

A min esta novela gustoume moito. Desgustoume un pouco o final, pero a idea que tivo o autor de que os lectores lle puxésemos o final foi unha boa opción.

Anair Martínez Alonso (4º ESO B)


02/04/16

2 DE ABRIL: DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO

Aproveitando que hoxe se celebra o Día mundial de concienciación sobre o autismo damos a coñecer unha interesantísima bitácora titulada Alto, alto como una montaña, da autoría de Esther Medraño e Olga Lalín, terapeuta e nai dun neno con autismo. Aquí podemos atopar material pedagóxico, experiencias persoais, bibliografía de interese sobre este tema, iniciativas de intervención educativa, proxectos audiovisuais e fotográficos, entre outra información, todos eles centrados na visibilidade do autismo.


Velaquí deixamos este precioso proxecto audiovisual: a Canción de Manuel V: Fuxiamos, da autoría de Seso Durán e con letra de Olga Lalín.


Parabéns por este traballo e moitas grazas por achegarnos dun xeito tan claro e emotivo ao autismo!

13/03/16

DE VACAS!

Nesta ocasión temos unha entrada moi musical, que de seguro vos vai gustar. Trátase do grupo musical De vacas integrado por tres rapazas, que se fan chamar a Pinta, a Marela e a Morena, e polo guitarrista Guillerme Fernández. Fan versións de cancións moi coñecidas e en diversas linguas: galego, romanés, portugués do Brasil, inglés, español, entre outras.

Se queredes investigar algo máis, podedes ler a entrevista que lle fixeron a unha das integrantes no xornal A Voz de Galicia.

Abride ben os oídos!






24/02/16

CELEBRAMOS O DÍA DE ROSALÍA

Hoxe, como sabedes, celébrase o Día de Rosalía de Castro por cumprirse 179 anos do nacemento da nosa autora máis internacional.

O ano pasado para celebralo o profesor de Matemáticas Iván Folgueira Pérez elaborou un comecocos ben xeitoso que quixo compartir connosco nesta bitácora.

Dámoslle os parabéns  a Iván pola súa magnifica idea e tamén por levar a Rosalía ás clases de mates.



15/02/16


IMOS Á AURIA (A.) DE EDUARDO BLANCO AMOR (4º ESO)

Nesta ocasión achegámonos á obra do ourensán Eduardo Blanco Amor (1897-1979), cuxa produción encadramos na narrativa de postguerra. Para facelo déixovos aquí algunhas referencias que vos poden ser útiles e lembrade que esta bitácora ten unha entrada dedicada exclusivamente á novela A Esmorga.

1. Resulta de interese a biografía, aínda que breve, que a CRTVG elaborou de Eduardo Blanco Amor, na cal podedes escoitar a voz do autor.

2. Unha síntese da obra do autor pode consultarse nas diapositivas elaboradas por Carla Lago.

3. O arquivo sonoro do Consello da Cultura Galega achéganos unha gravación sobre a vida do autor en América con imaxes e a propia voz de Eduardo Blanco Amor.

4. A intertextualidade entre a obra de Eduardo Blanco Amor e a de Federico García Lorca da man de Montserrat Doucet no artigo "La intertextualidad Blanco Amor-Lorca en A Esmorga y La Parranda".

Collede os flocos de millo e aproveitade para coñecer a interesante obra deste escritor!





10/02/16

VAI DE PANTALLAS!

O mércores 3 de febreiro, mentres algúns concellos galegos celebraban o Día de Comadres, no IES Ribeira do Louro do Porriño unha compañeira do centro, Lidia Blanco Cerradelo, oriúnda de Xinzo de Limia e doutora en Turismo, deunos unha charla ben interesante sobre "O entroido en Xinzo de Limia e a figura das pantallas". Achegounos moita información dun dos entroidos máis longos que existen, explicounos como se elaboran as máscaras de pantalla e mesmo chegou ao instituto acompañada dunha pantalla. A actividade resultou todo un éxito, aprendemos moitísimas cousas e, o máis importante, consiguiu transmitirnos como se vive e sente o entroido na súa vila.

A conferencia podedes vela na páxina web do IES Ribeiras do Louro, premendo aquí.

En nome de todas e todos os asistentes, grazas Lidia!