24/02/16

CELEBRAMOS O DÍA DE ROSALÍA

Hoxe, como sabedes, celébrase o Día de Rosalía de Castro por cumprirse 179 anos do nacemento da nosa autora máis internacional.

O ano pasado para celebralo o profesor de Matemáticas Iván Folgueira Pérez elaborou un comecocos ben xeitoso que quixo compartir connosco nesta bitácora.

Dámoslle os parabéns  a Iván pola súa magnifica idea e tamén por levar a Rosalía ás clases de mates.



15/02/16


IMOS Á AURIA (A.) DE EDUARDO BLANCO AMOR (4º ESO)

Nesta ocasión achegámonos á obra do ourensán Eduardo Blanco Amor (1897-1979), cuxa produción encadramos na narrativa de postguerra. Para facelo déixovos aquí algunhas referencias que vos poden ser útiles e lembrade que esta bitácora ten unha entrada dedicada exclusivamente á novela A Esmorga.

1. Resulta de interese a biografía, aínda que breve, que a CRTVG elaborou de Eduardo Blanco Amor, na cal podedes escoitar a voz do autor.

2. Unha síntese da obra do autor pode consultarse nas diapositivas elaboradas por Carla Lago.

3. O arquivo sonoro do Consello da Cultura Galega achéganos unha gravación sobre a vida do autor en América con imaxes e a propia voz de Eduardo Blanco Amor.

4. A intertextualidade entre a obra de Eduardo Blanco Amor e a de Federico García Lorca da man de Montserrat Doucet no artigo "La intertextualidad Blanco Amor-Lorca en A Esmorga y La Parranda".

Collede os flocos de millo e aproveitade para coñecer a interesante obra deste escritor!





10/02/16

VAI DE PANTALLAS!

O mércores 3 de febreiro, mentres algúns concellos galegos celebraban o Día de Comadres, no IES Ribeira do Louro do Porriño unha compañeira do centro, Lidia Blanco Cerradelo, oriúnda de Xinzo de Limia e doutora en Turismo, deunos unha charla ben interesante sobre "O entroido en Xinzo de Limia e a figura das pantallas". Achegounos moita información dun dos entroidos máis longos que existen, explicounos como se elaboran as máscaras de pantalla e mesmo chegou ao instituto acompañada dunha pantalla. A actividade resultou todo un éxito, aprendemos moitísimas cousas e, o máis importante, consiguiu transmitirnos como se vive e sente o entroido na súa vila.

A conferencia podedes vela na páxina web do IES Ribeiras do Louro, premendo aquí.

En nome de todas e todos os asistentes, grazas Lidia!