12/10/17

O PERGAMIÑO VINDEL EN VIGO!


Dende hai uns días podemos visitar no Museo do Mar de Vigo a exposición titulada Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas. Trátase dunha xoia da literatura medieval datada na segunda metade do século XIII e cuxo nome, Vindel, procede do libreiro (Pedro Vindel) que o descubriu, estudou e editou o seu primeiro facsímil.

Este pergameo ofrece sete cantigas de amigo da autoría de Martín Códax xunto coa súa notación musical. Podemos dicir que simboliza o alicerce da nosa lingua e da nosa música medieval, a pesar de estar custodiado na biblioteca neoiorquina Morgan Library dende que se mercou nunha poxa.

Antes de irmos visitar a exposición, estudaremos esta marabilla do medievo e coñeceremos algúns dos segredos mellor gardados do aventureiro Pedro Vindel.





02/10/17

CHAMANDO Á TERRA OU O NOSO PROGRAMA RADIOFÓNICO SOBRE LITERATURA

O día 9 de setembro ás 15:00h  botou a andar un programa radiofónico capitaneado pola xornalista e escritora María Solar, cuxa temática son os libros e a literatura aderezados con doses de boa música. Ata o momento citáronse autores coñecidos para todos e todas vós, por exemplo Agustín Fernández Paz e Chus Pato, e foron entrevistados Ledicia Costas, Víctor Freixanes, Diego Giráldez e Eli Ríos, entre outros.

Velaquí vos deixo a ligazón para que poidades seguir Chamando á terra, de non ser en directo, a través dos podcats que ofrece a CRTVG.