22/12/18

BO NADAL E FELIZ 2019!

Felices festas a todos e todas co noso brinde (*e non brindi) navideño da clase de 4º de ESO B. Brindamos por promocionar en xuño toda a clase e por iso no 2019 imos (*e non vamos!) traballar unha chea! ;-)


26/11/18

EN GALEGO TAMÉN SE FAI CIENCIA!

O galego, do mesmo xeito que calquera outra lingua, é un idioma válido e útil para pescudar, ensinar e tamén para a divulgación científica. Boa mostra disto son os vídeos divulgativos ofrecidos polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e tamén as entrevistas realizadas a investigadores e divulgadores dende a Universidade da Coruña baixo o programa En galego tamén se fai ciencia.



Ángel Carracedo, profesor e director do Instituto de Medicina Legal

Velaquí quedan as achegas de moitos dos nosos científicos e científicas sobre o galego.

13/10/18

O BALNEARIO DE MONDARIZ E A SÚA RELACIÓN CO GALEGUISMO (4º ESO)

Esta semana afondamos nos acontecementos que tiveron lugar a comezos do século XX tanto en Europa coma en Galicia. Aproveitando a nosa proximidade con Mondariz, é interesante que coñezades a figura de Henrique Peinador Lines, promotor do Balneario, galeguista e mecenas dalgún dos nosos autores máis sobranceiros.

Co documental titulado Enrique Peinador Lines, empresa e galeguismorealizado por Pío García e a Fundación Premios da Crítica, podedes achegarvos á vida cultural e empresarial da época.



Logo da visualización poderedes responder as preguntas que seguen:

a) Que relación existe en Peinador e os escritores Ramón Cabanillas, Rafael Dieste, Castelao e Antón Vilar Ponte?

b) Cal é o vínculo entre a Real Academia Galega e o Balneario de Mondariz?

05/04/18

MATRÍCULA ABERTA DAS PROBAS DE CERTIFICACIÓN (EOI) 

Infórmovos de que todos e todas os que teñades 16 anos podedes presentarvos por libre ás probas de certificación das Escolas Oficiais de Idiomas. 

O prazo está aberto ata o día 20 de abril de 2018 e, nesta ocasión, logo de pagardes o prezo do acceso ao exame podedes concorrer ás probas para obter os diferentes niveis A1, A2, B1, B2 e C1 das linguas que oferte a dita escola.

Se os preparades deberiades ter nivel abondo para a obtención dun A2, B1 daquelas linguas que cursades no Bacharelato.

Velaquí queda a información e tamén os modelos de exame.

Pensade que para obter un grao as universidades esixen un B2 dunha lingua estranxeira!


16/03/18

VISITAMOS O PERGAMIÑO VINDEL E A ILLA DE SAN SIMÓN

Este mes os grupos de 1º de Bacharelato e 3º de ESO tivemos a oportunidade de visitar o Pergamiño Vindel na exposición do Museo do Mar de Vigo titulada Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas e, despois, para completarmos a excursión navegamos cara á Illa de San Simón coa finalidade de coñecer as cantigas medievais que se inspiraron na ría de Vigo e tamén a fascinante e, á vez triste, historia que garda esta illa.

Algunhas das imaxes da saída podedes velas na páxina do IES Ribeira do Louro dende onde tamén podedes escoitar o estupendo arranxo musical da cantiga de Martin Codax nº V que o profesor de Música, David Barros, fixo co alumnado.

Premede na páxina e coidado coas ondas do mar de Vigo! ;-)




23/02/18

RECOMÉNDASME UN LIBRO? 

Logo de facerdes as vosas videocríticas, estades en condicións de participar nalgún destes certames:

a) III Concurso "Ollo de vidro". Este certame ten como requisito a presentación dunha videocrítica (vós xa a tedes dominada ;-), un booktrailer ou calquera outro proxecto visual de 3 minutos, como moito, no cal se anime á lectura dun libro. Podedes acceder ás bases do concurso porque os premios son moi, pero que moi xenerosos.

b) "Reto lector", iniciativa da man da Editorial Galaxia, que consiste en ler dous libros editados por esta entidade e facer un proxecto audivisual no cal se recomende a súa lectura (máximo 2 minutos por obra). Neste certame só podedes participar se tedes entre 12 e 16 anos.

Cargade os móbiles e a gravar!


08/01/18

A Arte de trobar de SANTIAGO LOPO

O pasado ano o Premio Xerais de novela recaeu na obra do escritor, profesor e tradutor Santiago Lopo baixo a título A arte de trobar.

Trátase dunha apaixonante novela histórica centrada no século XIII que nos permite achegarnos con rigor e humor ao mundo do medievo da man dunha troupe de artistas, que procedentes de Galicia, percorren o Camiño de Santiago dando a coñecer as súas cantigas e a súas aventuras.


Dende aquí podedes visualizar o booktrailer da novela:


Desfrutade da lectura!