25/04/11

23 DE ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Logo das vacacións comezamos a última etapa do curso e ímolo facer investigando sobre o Día do Libro, que se celebrou o pasado 23 de abril. Quen de vós será capaz de resolver estas preguntas?

a) Por que motivo se celebra o Día Internacional do Libro o 23 de abril?
b) Que valor ten o día de Sant Jordi en Cataluña?
c) Que relación hai entre os libros e as rosas?
d) Procura na rede unha foto desta celebración e reflexiona sobre o número de asistentes.

11/04/11

A OBRA POÉTICA (COMPLETA!) DE LUZ POZO (4º ESO)

No voso libro de texto, dado a data en que se publicou, faltan algúns dos libros poéticos da autora Luz Pozo, así que velaquí tedes toda o obra poética dela:

- O paxaro na boca, 1952.

- Últimas palabras / Verbas derradeiras, 1975.

- Concerto de outono, 1981.

- Códice calixtino, 1986.

- Prometo a flor de loto, 1992. Premio Miguel González Garcés.

- Vida secreta de Rosalía, 1996.

- Ribadeo, Ribadeo, 2002.

- Medea en Corinto, 2003.

- Historias fidelísimas: poesía selecta 1952-2003, 2003.

- Memoria solar (obra poética íntegra), 2004.

- As arpas de Iwerddon, 2005.

- Deter o día cunha flor, 2009. Premio da Crítica de poesía galega.

Esperemos que en breve a autora nos agasalle con outro poemario!

04/04/11

A POESÍA DE POSGUERRA (4º ESO)
Para tratar este tema comezaremos falando da importancia que tivo a Editorial Galaxia na recuperación cultural galega (en Galicia). Visualizaremos o capítulo do Ben Falado da CRTVG que se centra nesta fundación e editorial.

Podedes achegarvos a este período botando man de:
a)  A presentación sobre Celso Emilio Ferreiro (Xeración do 36) elaborada por Román Landín.
b) Un breve poscast sobre a Poesía galega de Posguerra (Xeración do 36, Xeración das Festas Minervais e Xeración dos 50) elaborado por alumnado de 4º de ESO do Instituto Faro das Lúas.
c) O vídeo explicativo da Poesía galega de Posguerra ofrecido por LinguaGalegaTV 8(15:32min).
d) A presentación Tres xeracións de poesía galega da autoría de Gracia Santorum.

Velaquí uns versos de Celso Emilio Ferreiro: A miña mau che dou, / coma un irmau che falo. Sabedes a que obra pertencen?


A RAG... E CURROS? (3ºESO/1º Bacharelato)
Como xa sabedes, na creación da Real Academia Galega no ano 1906 tiveron moito que ver os escritores e persoeiros da cultura galega que nese momento estaban no continente americano (pensade sobre todo na importancia que ten para a cultura galega Arxentina e Cuba). Pois precisamente do traballo destes galegos imos falar esta semana e, como presentación, é interesante que consultemos a páxina da RAG.
Agora serás capaz de establer unha relación entre o escritor de Celanova e a dita institución?

02/04/11

FALEMOS DOS ANIMAIS (3º ESO)
Esta semana centrarémonos no léxico relativo aos animais domésticos e, como non podía ser doutro xeito, imos falar dun animal tan coñecido para todos como é o porco, cocho, rancho... Para iso, achegarémonos á pantalla e veremos o programa (26/02/2009) Cazador de palabras da CRTVG: http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=02/04/2011 22:03:11&fecha=26/02/2009&arquivo=1&programa=CAZADOR DE PALABRAS&id_programa=600.



Velaquí unha cantiga popular sobre o porco: Adiós martes d'entroido, /adiós meu pequeniño; / miña nai non matou porco, / non comemos o touciño.