17/11/14

IMOS DE ESMORGA... apúntaste?

Esta semana estamos de estrea, xa que dende o día 21 de novembro poderemos ver nos cinemas galegos A esmorga, longametraxe dirixida por Ignacio Vilar e baseada na obra do ourensán Eduardo Blanco Amor (1897-1979), que o pasado 15 de novembro inaugurou o Festival de Cine Internacional de Ourense.
Para achegármonos á Auria ou A. onde se ambienta esta obra literaria centrada nunha noite de troula entre tres amigos (Cibrán, o Bocas e o Milhomes) podemos ver o resumo da guía d' A Esmorga presentado na bitácora Marlou, a completa guía de lectura da man de Manuel Forcadea e consultar o roteiro literario d' A Esmorga (facilitado pola Concellería de Cultura do Concello de Ourense).


Para aqueles e aquelas impacientes, velaquí podedes acceder a un documental da rodaxe e na páxina A esmorga están dispoñibles os tráilers, música e moita máis información relativa a esta longametraxe. Ademais, nesta noticia publicada no xornal A Voz de Galicia podedes coñecer un dos segredos mellor gardados do actor Karra Elejalde: como se achegou á lingua galega en tan só 14 días!



Tamén cómpre recordar a excepcional representación teatral que a Compañía de teatro Sarabela, baixo a dirección de Ángeles Cuña fixo desta obra hai algúns anos. Podedes vela completa premendo aquí.

Gozade da lectura e enchede as salas de cine e de teatro, que non vos habedes arrepentir!!!!

02/11/14

METE MEDO... "O CORVO" DE EDGAR ALLAN POE


Coñecedes a obra de Edgar Allan Poe? Se queredes pasar un pouco de medo convídovos á súa lectura, pero para empezarmos podedes ver esta curtametraxe de animación realizada co poema deste autor titulado "O corvo".


Agora contádeme:
a) En que lingua está narrado?
b) Resultouvos difícil entender esta curtametraxe? Por que?