28/12/20

BO NADAL E FELIZ 2021!

Como é habitual nestas datas, deséxovos unhas boas festas a todos e todas vós e unha mellor entrada no ano 2021 que, de seguro, virá cargado de boas cousas. Desfrutade das vacacións e vémonos á volta!



27/12/20

A REVISTA NÓS

Un século despois da publicación da revista Nós, o 30 de outono do ano 1920, Galiciana: Biblioteca Dixital de Galicia pon ao noso dispor os 144 números da revista ourensá cuxo director artístico foi Vicente Risco.

A consulta pode facerse a través da descarga multicanal ou accedendo á páxina web revistanos.galiciana.gal que nos permite achegarnos ao universo da Xeración Nós e facer consultas a través das relacións entre os colaboradores da publicación. Amais tamén posibilita a consulta de acontecementos históricos que rodearon a dita revista durante os seus 15 anos de existencia (1920-1935).                                               


 Número 1 da Revista Nós


25/10/20

GaliciaLe ou como conseguir un libro electrónico se estou confinado/a!

Dende hai uns días moitos e moitas de vós estades confinados/as na casa e nalgúns casos sen libros de lectura que, malia seren traballo para as clases, tamén vos poden axudar a pasar o tempo de xeito agradable.

Para conseguirmos un libro de xeito gratuíto temos ao noso dispor a plataforma GaliciaLe, destinada ao préstamo de obras en formato electrónico que se localizan nas bibliotecas públicas galegas. Nesta plataforma están practicamente todos os vosos libros de lectura para este curso escolar.

Podedes obter un libro do seguinte xeito: 

a) Se sodes socios/as dunha biblioteca municipal. Simplemente tedes que acceder ao catálogo e introducir o nome de usuario e contrasinal. 

b) Se non sodes aínda socios, podedes poñervos en contacto telefónico coa biblioteca municipal máis próxima ao voso domicilio e solicitar o carné de socio/a.

Este mesmo procedemento serve para o préstamo de filmes. Ánimo e lede moito!


12/07/20


BO VERÁN A TODOS E A TODAS!

Despois deste curso tan intenso, deséxovos un bo verán a todos e todas vós. Esta bitácora tamén estará pechada por vacacións ata o mes de setembro, dado que toca recargar as pilas e recuperar forzas. 

Faro de Illa Pancha (Ribadeo)

17/05/20

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020!

O autor homenaxeado este ano 2020 é o escritor e filólogo Ricardo Carvalho Calero (Ferrol 1910-Santiago de Compostela 1990), a cuxa vida e obra vos achegaredes nas actividades propostas para a semana que vén.


Imaxe da autoría de Luis Davila

20/03/20

EROSKI PARAÍSO: O FILME

O próximo luns 23 de marzo ás 22:30h podemos ver na CRTVG o premiado filme Eroski Paraíso, baseado na obra teatral da Compañía Chévere, que chegou ao cine da man de Jorge Coira e Xesús Ron. Conta a historia de Eva e Antonio, unha parella que se coñeceu na discoteca Paraíso de Muros, onde hoxe se sitúa un Eroski. Co paso dos anos será a súa filla Alexandra, convertida en cineasta, a que recree a vida dos seus pais.

Premendo na imaxe podedes ver o tráiler.


Collede os flocos de millo e desfrutádea!

05/03/20

INFORMACIÓN ABAU 2020 (2º de Bacharelato)

Neste vídeo, ofrecido pola Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG), tedes información sobre as datas e o desenvolmento das probas de Avaliación do Bacharelato para o acesso á Universidade (ABAU) deste curso. 



Ánimo e bo traballo a todos e todas vós!

26/01/20

COMO POS A LINGUA? DO IES ANTÓN ALONSO RÍOS

Este curso escolar 2019-2020 a campaña 21 Días co galego e máis, ideada pola profesora Pilar Ponte e actualmente levada a cabo en varios centros galegos, ofrécenos unha serie de recursos ben útiles e xeitosos para traballarmos na aula. Nesta ocasión, da man do alumnado e do profesorado do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño chéganos o vídeo Como pos a lingua?, que nos pode ser útil á hora de pronunciar algúns dos sons da lingua galega que presentan maior dificultade.

Visualizade o vídeo e facédelle caso a estes rapaces e estas rapazas que explican con claridade onde debedes poñer a lingua para pronunciar correctamente.


O CÓDICE CALIXTINO OU LIBER SANCTI IACOBI

O libro do século XII coñecido como Códice Calixtino ou Liber Sancti Iacobi está escrito en latín e é custodiado polo Arquivo da Catedral de Santiago. Consta de cinco libros e dous apéndices no cal podemos ler miragres, textos de carácter litúrxico, a conquista de Carlomagno (Pseudo-Turpín) a guía de peregrinos a Compostela máis antiga, un apéndice musical de grande interese e, ademais, varias miniaturas que fan desta obra unha xoia do medievo.

Con motivo do roubo do dito libro no ano 2011, a CRTVG levou á pantalla unha serie de dous capítulos baseada nos feitos reais e titulado O Códice, dirixida por Jorge Cassinello, e o documental Códice Calixtino: 800 anos e un roubo que nos permiten achegarnos un pouco máis a esta obra medieval.



19/01/20

DE TILES E ACENTOS 

Nesta ocasión imos tirar dun dos vídeos da campaña #Dígochoeu posta en marcha polos xornalistas Carlos Amado e Esther Estévez da Corporación de Radio Televisión de Galicia coa finalidade de fomentar e mellorar o uso do galego. Trátase duns vídeos moi breves nos cales Esther Estévez dá unhas pequenas indicacións de xeito claro e divertido para usar certos termos que acotío se empregan de maneira incorrecta na oralidade ou na escrita.

O vídeo que ofrecemos aquí vai dedicado aos meus alumnos de 3º de ESO e explica con claridade a diferenza entre til e acento, dado que non son termos sinónimos. 


Espero que a partir de agora non se vos resistan os acentos! ;-)