29/05/21

 O ENTREMÉS FAMOSO SOBRE A PESCA DO RÍO MIÑO ou CONTENDA DE CALDELAS

Este ano cúmprense 350 anos da publicación do primeiro e único entremés escrito en lingua galega e portuguesa. Trátase do coñecido como Entremés famoso sobre a pesca do río Miño ou Contenda (dos labradores) de Caldelas, obra da autoría do escritor galego Gabriel Feixoo de Araúxo que viu a luz século XVII, en concreto, no ano 1671. O texto ofrece o enfrontamento entre os galegos de Caldelas e os portugueses a propósito da pertenza da pesca do río Miño, litixio que ao final da obra se resolve de xeito satisfatorio.

Debido a este acontecemento, o Centro Dramático Galego (CDG) en colaboración coa Companhia de Teatro de Braga (CTB) levarán a escena esta peza que será estreada o día 2 de xullo no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro (Ciudad Real), baixo a dirección de Fran Nuñez. Con todo, a primeira compañía teatral en representar o dito texto foi Teatro Circo da Coruña no ano 1970.


Amais, o Concello de Tui co gallo da celebración tamén publicou unha edición deste texto dramático, que na actualidade está custodiado na Biblioteca Nacional de Madrid.


Imaxe da representación publicada polo CDG

05/04/21

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021: Xela Arias

Este ano 2021 o Día das Letras Galegas dedícase á escritora Xela Arias (Sarria 1962-Vigo 2003), autora á cal nos achegaremos neste curso escolar.

Con motivo da homenaxe á autora a Real Academia Galega publicou unha serie documental de seis vídeos centrados na vida e na obra de Xela Arias, que recollemos deseguido:

-Capítulo 1. Xela Arias. A Palabra esgazada. Lugo Vigo.

-Capítulo 2. Xela Arias. A Palabra esgazada. Traballadora das palabras.

-Capítulo 3. Xela Arias. A Palabra esgazada. A esgazadora de versos.

-Capítulo 4. Xela Arias. A Palabra esgazada. En diálogo coas artes.

-Capítulo 5. Xela Arias. A Palabra esgazada. Xela e Darío.

-Capítulo 6. Xela Arias. A Palabra esgazada. Quedas en nós.


19/03/21

CONCURSO DE VÍDEO MÓVETE

Con motivo da celebración do 50 aniversario do Instituto da Lingua Galega (ILG) convócase o concurso de vídeo Móvete destinado á promoción e fomento do uso da lingua galega entre o alumnado dos centros de ensino galegos e dos territorios de fala galega de fóra de Galicia. Nel pode participar alumnado de 3º ESO, 4º ESO, 1ª de Bacharelato, 2º de Bacharelato, FP Básica e de Grao Medio nas modalidades individual ou colectiva.

Nas bases do concurso ofrécese información sobre os premios para os gañadores: un Iphone (para o mellor vídeo na categoría individual), unha videocámara (para o mellor vídeo na categoría de grupo) e, por suposto, tamén haberá premios para os finalistas.

Collede o móbil e animádevos a participar!

20/02/21

 O PROXECTO DOA

Co comezo do ano 2021 o Instituto da Lingua Galega (ILG) puxo en marcha a Plataforma colaborativa DOA, integrada dentro do proxecto Patrimonio Léxico da Gallaecia, coa finalidade de que todas aquelas persoas que o desexen fagan a súa achega léxica a través dos cuestionarios que se ofrecen e que se irán ampliando paulatinamente. Polo momento temos dispoñibles dous relacionados cos insectos.

Imos aproveitar esta entrada para comentar que o termo 'doa' denomina 'cada un dos abelorios que se enfían para a elaboración dun colar, dunha pulseira ou dun rosario', polo tanto, esta inciativa aspira a xuntar o coñecemento de todos os colaboradores e colaboradoras dispostos a compartir o patrimonio lingüístico. De seguro que coa riqueza lingüística que ten a lingua galega podemos crear un gran banco de datos.

Quen se anima a participar?


Cabalo do demo