03/07/19

UNHA FANTÁSTICA EXPERIENCIA DE CENTRO: FALEMOS DE TI E MIN

Nesta ocasión para esta entrada contamos coa colaboración do profesor de Lingua galega e literatura Eloi Gestido de la Torre, que durante o curso 2018-2019 coordinou, xunto coas profesoras Cristina Méndez e Vanesa Peón, un interesantísimo proxecto no IES de Soutomaior como responsable do Equipo de Dinamización da Lingua galega.

Dende aquí queremos agradecerlle a súa colaboración e aproveitamos para felicitar a todo o equipo que formou parte desta experiencia premiada recentemente co premio Mil Primaveras, concedido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

Falemos de ti e min: unha experiencia de centro
 Ao longo do curso escolar 2018/20219, no IES de Soutomaior desenvolveuse o proxecto integrado de centro Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora. Foi unha iniciativa que implicou o conxunto da comunidade educativa e tivo como obxectivo principal crear dinámicas que permitisen intervir na dimensión humana do alumnado a partir de tres eixos de contidos nucleares:
-          -A lingua galega e as súas manifestacións culturais
-          -A perspectiva de xénero (visibilidade da muller como creadora e transmisora)
-A diversidade (sexual, funcional e cultural)

No proxecto participou a totalidade do alumnado que integra o centro, case trescentos alumnas e alumnos, e tamén máis da metade do claustro de profesorado, é dicir, dezasete profesoras e profesores de once áreas e departamentos docentes do centro. Iniciouse no mes de setembro e desenvolveuse durante todo o curso. Os resultados mostráronse no mes de maio durante o que se denominou Semana das Letras Galegas.
O tratamento que se adoptou foi transversal para todos os cursos e para moitas das materias curriculares. Empregouse unha metodoloxía de traballo por proxectos cun enfoque colaborativo que fomentou a inclusión do alumnado con necesidades especiais de apoio educativo. Cada curso desenvolveu un proxecto distinto e ben definido, como detallaremos a continuación, que obtivo múltiples produtos finais en formatos diversos (TIC, audiovisual, música, exposicións, xogos, actuacións, etc.). O traballo estruturouse en fases concretas (planificación, procura información, tarefas, produto final) e potenciouse o traballo en equipo, o desenvolvemento de competencias, a creatividade e as habilidades ALFIN.

Actividades
Todas as actividades aparecen descritas na web do proxecto e no seu blog:

Para o cumprimento dos obxectivos, cada nivel educativo traballou ao redor de distintos campos temáticos:
-       Herbas: lendas e tradicións (1º ESO). Estudo das lendas e tradicións populares que xiran ao redor das herbas e as súas propiedades, e no papel protagonista que a muller desenvolveu como coñecedora e transmisora do patrimonio inmaterial. Produtos finais: exposición de herbarios, fichas botánicas e etnográficas.
-       Literatura e música (2º ESO). O alumnado investigou sobre as principais tendencias musicais actuais galegas protagonizadas por mulleres, compuxo letras propias e reivindicativas a partir de bases musicais existentes, e cantou e tocou as súas propias creacións. Produtos finais: vídeo musical que recolle as creacións musicais e interpretacións do alumnado; actuación no mes de maio (música, canto e coreografía).
-        Oficios Tradicionais (3º ESO). Investigación e coñecemento dos oficios tradicionais da contorna levados a cabo por mulleres. Inclúe o coñecemento sobre a literatura popular de tradición oral relacionada cos oficios. Produtos finais: exposición infográfica sobre oficios tradicionais e literatura popular; instalación artística sobre oficios tradicionais.
-       Mulleres na Historia de Galicia (4º ESO). Lectura crítica do escaso recoñecemento histórico sobre as mulleres galegas no ámbito literario, musical, artístico e sociohistórico. Produtos finais: infografías sobre pioneiras galegas ou mulleres relevantes en distintos ámbitos; elaboración e posta en marcha dun xogo de investigación destinado a 1º e 2º ESO; representación a través da expresión corporal de textos literarios de autoría feminina ou temática relacionada coa diversidade; creación dunha obra artística colectiva en homenaxe a Maruja Mallo.
-       Xogos populares (4º ESO). Investigación, deseño e fabricación de xogos populares, entendidos como configuradores da riqueza inmaterial dun país e ferramenta para a inclusión. Produtos finais: fabricación de xogos tradicionais; xornadas lúdicas cos xogos tradicionais (diversión, inclusión e integración).
-       Meigas, lendas e inquisición (1º BACH). Realización dunha actividade de animación cultural e traballo en equipo (rastrexo), baseada na historia de Vasquida García, menciñeira do século XVI orixinaria da comarca e reprimida polo Santo Oficio. O alumnado recreou unha historia baseada nos datos coñecidos sobre esta muller e, a partir destes, analizou a vestimenta, a ambientación, os oficios e as peculiaridades históricas da Galicia en que viviu. Produtos finais: xogo de rol realizado por 1º BAC dirixido a alumnado de 3º e 4º ESO.

Integráronse outras actividades transversais para toda a comunidade educativa:
   -Club de Lectura “Marcando a diferenza” dirixido a alumnado de 3º, 4º e 1º Bacharelato, no que se traballa banda deseñada relacionada con temáticas sociais (colectivo LGTB+, inmigración, risco de exclusión, diversidade funcional).
   -Celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, Día de Rosalía e Día Internacional da Muller.
   -Asistencia á comedia musical Elisa e Marcela con coloquio final coas actrices no que se abordaron temas relacionados coa actividade teatral e coa diversidade afectiva e sexual. Esta actividade foi desenvolvida coa colaboración do Concello de Soutomaior e a Deputación de Pontevedra.
   -Entrevista a Mercedes Peón, dirixida e realizada polo alumnado de 1º de BAC. Abordouse o papel da muller na difusión da cultura galega, a diversidade afectiva e sexual, e a música como ferramenta de inclusión.
    -Semana da Diversidade Afectiva e Sexual.

Conclusións:
Ao ser un proxecto piloto no centro, viuse sometido a un proceso de observación e de avaliación mediante cuestionarios que deu resultados moi positivos en todos os ámbitos e aspectos analizados.
Os obxectivos principais do proxecto foron acadados cunha puntuación moi alta. De xeito unánime, pénsase que as propostas foron idóneas para os obxectivos e contidos das materias, e valórase como excelente a experiencia vivida na aula. Supuxo unha innovación nos aspectos metodolóxicos e pedagóxicos das materias (introduciu cambios na actividade docente, percibiuse aprendizaxe no alumnado en relación cos contidos traballados, etc.). O alumnado con NEE viuse perfectamente integrado na metodoloxía de traballo e mesmo conseguiu facerse protagonista de contextos non esperados. Sirvan como exemplos a presentación das actuacións, que correu a cargo de alumnado con dificultades de aprendizaxe, ou a actividade de xogos populares, realizada por un grupo de alumnado NEE e unha alta porcentaxe de alumnado desmotivado e baixo rendemento académico.
Por outra banda, rompéronse moitos tabús ao redor de temáticas como o colectivo LGTB+. Dubidábase da reacción das familias e de parte do alumnado ao explicitar contidos relacionados coa diversidade afectiva e sexual, a pesar de que pensabamos que era absolutamente necesario. A repercusión foi extraordinariamente positiva tanto no centro como na contorna.
A visibilidade das actividades conseguiu que as familias do alumnado se visen implicadas, así como tamén os veciños da vila. As actividades que se realizaron no exterior do centro xeraron moita expectación e incluso comentarios nas redes sociais arredor do positivo deste tipo de traballos (falouse incluso da necesidade de ter os montes limpos para que os rapaces e rapazas do centro puidesen levar a cabo estas actividades nun futuro).
Malia as dificultades e contratempos esperables, a experiencia de traballo por proxectos de carácter interdisciplinario foi moi positiva tanto para o alumnado como para o profesorado e a contorna, de xeito que se tratará de dar continuidade futura á liña iniciada neste curso académico.

Recoñecementos:
Falemos de ti e min foi recoñecido expresamente mediante carta pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Carmen Pomar Tojo, quen destaca a súa aposta polo traballo na sensibilización contra a violencia de xénero e a prol da igualdade de dereitos para a muller.
Falemos de ti e min recibiu o Premio Mil Primaveras na categoría de "mellor proxecto novo" que concede a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O xurado do premio destaca que un "proxecto integrado no proxecto educativo do centro, desenvolvido durante todo o ano, dirixido á totalidade do alumnado, transversal e implicando a todos os departamentos. Valorouse moi positivamente que a promoción da lingua se asocie con outros valores e causas sociais xustas, como a igualdade de xénero e a defensa da diversidade sexual, funcional e cultural. Tamén se tivo en conta que o proxecto conta cun plan de avaliación con criterios e indicadores ben definidos e que é un modelo de traballo inspirador que pode ser empregado noutros centros educativos."








15/05/19

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019: ANTONIO FRAGUAS (1905-1999)

Esta ano o Día das Letras Galegas está dedicado ao escritor, antropólogo e etnógrafo galeguista Antonio Fraguas. Un ano máis, o CPI do Dices agasállonos co seu telexornal dedicado ao autor homenaxeado.

30/04/19

UNHA VIAXE DE ESTUDOS: BUDAPEST 2019

Con motivo da viaxe de fin de ciclo, este ano o alumnado de 4º de ESO viaxou a Budapest do 2 ao 6 de abril. Velaquí quedan algunhas imaxes!








18/04/19

ROTEIRO LITERARIO A RIANXO E VISITA Á EXPOSICIÓN CASTELAO MAXISTRAL (4º ESO)

No mes de febreiro visitamos co alumnado de 4º de ESO a vila de Rianxo e a exposición Castelao Maxistral na Cidade da Cultura. En Rianxo achegámonos á obra dos escritores Afonso D. Rodríguez Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio e tamén tivemos a oportunidade de coñecer o Museo do Mar da vila.

Pola tarde, trasladámonos a Santiago de Compostela para ver a exposición centrada na figura de Caselao, que nos permitiu coñecer,con detalle a súa obra plástica e trasladarnos á sociedade galega da época.

Foi un día completo e volvemos coa sensación de termos aprendido unha morea de cousas, grazas aos nosos guías, tanto do Concello de Rianxo coma do Departamento de visitas didácticas da Cidade da Cultura.

Velaquí tedes algunhas imaxes da xornada!





10/04/19

ENTROIDO 2019

Este curso escolar 2018-2019 o alumnado de 4º ESO B participou no Festival de entroido do centro cun espectáculo titulado Rosa-líaa, no cal houbo crítica á situación actual que viven moitos dos traballadores e traballadoras da CRTVG, unha pequena representación do entroido tradicional de Xinzo de Limia, coa presenza das pantallas, e unha copla ben divertida coa música do tema Malamente da cantante Rosalía.

Velaquí quedan algunhas imaxes da actuación que fotografou a profesora Alba Rábade:








Parabéns a todos e todas polo fantástico traballo realizado. Foi un pracer participar convosco no espectáculo!

19/03/19

RADIO PICARIÑA!
O verán pasado a CRTVG puxo a disposición de todos e todas nós a emisora dixital de música infantil e xuvenil chamada Radio Picariña, dende a cal podemos escoitar un milleiro de cancións en galego. 
Os temas ordénase alfabeticamente por título e isto permítenos seleccionar as nosas cancións favoritas ou escoitalas de xeito aleatorio en rede.

Premede na icona e desfrutade da música!

12/03/19

DE VACAS PARODIAN O MALAMENTE DE ROSALÍA

O grupo musical De vacas ofrécenos o tema Rexurdimente no cal parodian a canción Malamente de Rosalía Vila con tintes feministas e cunha revolta liderada pola escritora Rosalía de Castro.


Escoitádea porque vos vai gustar! ;-)