04/10/22

III CERTAME GALETIKTOKERS ORGANIZADO POLO CONCELLO DE AMES

Por terceiro ano consecutivo, os departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames convocan o concurso Galetiktokers coa finalidade de animar os rapaces e rapazas á creación de vídeos en galego na rede social TikTok.

O prazo para participar está aberto ata o 21 de outubro de 2022 e poderedes participar todos e todas aqueles/as maiores de 13 anos enviando un vídeo cunha duración entre 15 e 60 minutos elaborados en lingua galega.

O certame establece seis premios de 300 euros en dúas modalidades: entre 13 e 16 anos e a partir de 17 anos. Dous deles serán premios do público, é dicir, o vídeo con máis "gústame" no perfil de Instagram @omixames en cada unha das categorías e os outros catro, serán premios do xurado, os dous mellor valorados para cada unha das categorías.

A que esperades para Tiktokear en galego?



21/09/22

CONCURSO DÍGOCHO EU!

Este ano convócase a segunda edición do concurso Dígocho eu! 2022-2023 orientado aos centros escolares. Como sei que algúns e algunhas de vós estades interesados/as, recollo aquí as bases para participar no concursoun vídeo de Esther Estévez animándovos a crear as vosas propostas e, finalmente, as gravacións (ollo! con v) resultantes dos guións gañadores na edición pasada (premios ouro, prata e bronce).




Espero ansiosa as vosas propostas!

18/05/22

DÍAS DAS LETRAS GALEGAS 2022: FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado ao escritor valdeorrés Florencio Delgado Gurrirán (Córgomo 1903-California 1987).

Para achegármonos á súa vida e obra compilamos unha serie de recursos que nos poden ser útiles:

a) Programa do ZigZag Especial Letras Galegas 2022. Unha edición especial do ZigZag Diario cunha duración de 35 minutos aproximadamente. A presentadora e escritora María Solar dialoga co investigador Ricardo Gurriarán sobre a figura do autor homenaxeado.

b) A información sobre Delgado Gurriarán facilitada pola Casa da Cultura de Valdeorras a través da páxina web As letras de Florencio.

c) O fantástico telexornal realizado polo alumnado do CPI dos Dices de Rois para celebrar o día das Letras Galegas 2022, coordinados polo seu profesor de Lingua Galega e Literatura, Luís Aldegunde (16 minutos).

d) As micropezas visuais creadas pola Real Academia Galega que analizan aspectos da vida e obra do autor:

    -Meu Córgomo de Valdeorras.

    -O compromiso e a guerra.

    -O exilio mexicano.

    -A poesía de Florencio.

    -A lingua de Florencio.

e) A información especial sobre a figura do autor ofrecida na páxina web do Consello da Cultura Galega con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Resulta de interese a recuperación da entrevista feita a Delgado Gurriarán no ano 1968 no programa radiofónico Poetas de Galicia de Radio Nacional de España.

f) Finalmente, os diferentes materiais sobre Delgado Gurriarán ofrecidos pola Real Academia Galega, na páxina A primavera das letras, que contaron coa participación da escritora Ledicia Costas e están destinados aos rapaces e rapazas de infantil e primaria.




29/05/21

 O ENTREMÉS FAMOSO SOBRE A PESCA DO RÍO MIÑO ou CONTENDA DE CALDELAS

Este ano cúmprense 350 anos da publicación do primeiro e único entremés escrito en lingua galega e portuguesa. Trátase do coñecido como Entremés famoso sobre a pesca do río Miño ou Contenda (dos labradores) de Caldelas, obra da autoría do escritor galego Gabriel Feixoo de Araúxo que viu a luz século XVII, en concreto, no ano 1671. O texto ofrece o enfrontamento entre os galegos de Caldelas e os portugueses a propósito da pertenza da pesca do río Miño, litixio que ao final da obra se resolve de xeito satisfatorio.

Debido a este acontecemento, o Centro Dramático Galego (CDG) en colaboración coa Companhia de Teatro de Braga (CTB) levarán a escena esta peza que será estreada o día 2 de xullo no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro (Ciudad Real), baixo a dirección de Fran Nuñez. Con todo, a primeira compañía teatral en representar o dito texto foi Teatro Circo da Coruña no ano 1970.


Amais, o Concello de Tui co gallo da celebración tamén publicou unha edición deste texto dramático, que na actualidade está custodiado na Biblioteca Nacional de Madrid.


Imaxe da representación publicada polo CDG

05/04/21

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021: Xela Arias

Este ano 2021 o Día das Letras Galegas dedícase á escritora Xela Arias (Sarria 1962-Vigo 2003), autora á cal nos achegaremos neste curso escolar.

Con motivo da homenaxe á autora a Real Academia Galega publicou unha serie documental de seis vídeos centrados na vida e na obra de Xela Arias, que recollemos deseguido:

-Capítulo 1. Xela Arias. A Palabra esgazada. Lugo Vigo.

-Capítulo 2. Xela Arias. A Palabra esgazada. Traballadora das palabras.

-Capítulo 3. Xela Arias. A Palabra esgazada. A esgazadora de versos.

-Capítulo 4. Xela Arias. A Palabra esgazada. En diálogo coas artes.

-Capítulo 5. Xela Arias. A Palabra esgazada. Xela e Darío.

-Capítulo 6. Xela Arias. A Palabra esgazada. Quedas en nós.


19/03/21

CONCURSO DE VÍDEO MÓVETE

Con motivo da celebración do 50 aniversario do Instituto da Lingua Galega (ILG) convócase o concurso de vídeo Móvete destinado á promoción e fomento do uso da lingua galega entre o alumnado dos centros de ensino galegos e dos territorios de fala galega de fóra de Galicia. Nel pode participar alumnado de 3º ESO, 4º ESO, 1ª de Bacharelato, 2º de Bacharelato, FP Básica e de Grao Medio nas modalidades individual ou colectiva.

Nas bases do concurso ofrécese información sobre os premios para os gañadores: un Iphone (para o mellor vídeo na categoría individual), unha videocámara (para o mellor vídeo na categoría de grupo) e, por suposto, tamén haberá premios para os finalistas.

Collede o móbil e animádevos a participar!