17/12/14

 LEMOS NO NADAL?

Prezados alumnos de 2º de ESO, 3º de ESO e 1º de Bacharelato deste curso 2014-2015,

Quero aproveitar estas datas para desexarvos un Bo Nadal cheo de felicidade e de moitos éxitos académicos. Como sei de antemán que vos van sobrar algunhas horas do día entre turrón e turrón, vouvos deixar aquí unha selección de lecturas de diferentes xéneros literarios ordenadas por curso, que sospeito que vos poden interesar. Evidentemente, son moi poucas referencias, pero moitas delas foron nomeadas nas clases e sei, case seguro ;-), que ides atopar entre elas algunha adaptada aos vosos gustos e intereses. Clicade na árbore e.... maxiaaaaaaaaa!



17/11/14

IMOS DE ESMORGA... apúntaste?

Esta semana estamos de estrea, xa que dende o día 21 de novembro poderemos ver nos cinemas galegos A esmorga, longametraxe dirixida por Ignacio Vilar e baseada na obra do ourensán Eduardo Blanco Amor (1897-1979), que o pasado 15 de novembro inaugurou o Festival de Cine Internacional de Ourense.
Para achegármonos á Auria ou A. onde se ambienta esta obra literaria centrada nunha noite de troula entre tres amigos (Cibrán, o Bocas e o Milhomes) podemos ver o resumo da guía d' A Esmorga presentado na bitácora Marlou, a completa guía de lectura da man de Manuel Forcadea e consultar o roteiro literario d' A Esmorga (facilitado pola Concellería de Cultura do Concello de Ourense).


Para aqueles e aquelas impacientes, velaquí podedes acceder a un documental da rodaxe e na páxina A esmorga están dispoñibles os tráilers, música e moita máis información relativa a esta longametraxe. Ademais, nesta noticia publicada no xornal A Voz de Galicia podedes coñecer un dos segredos mellor gardados do actor Karra Elejalde: como se achegou á lingua galega en tan só 14 días!



Tamén cómpre recordar a excepcional representación teatral que a Compañía de teatro Sarabela, baixo a dirección de Ángeles Cuña fixo desta obra hai algúns anos. Podedes vela completa premendo aquí.

Gozade da lectura e enchede as salas de cine e de teatro, que non vos habedes arrepentir!!!!

02/11/14

METE MEDO... "O CORVO" DE EDGAR ALLAN POE


Coñecedes a obra de Edgar Allan Poe? Se queredes pasar un pouco de medo convídovos á súa lectura, pero para empezarmos podedes ver esta curtametraxe de animación realizada co poema deste autor titulado "O corvo".


Agora contádeme:
a) En que lingua está narrado?
b) Resultouvos difícil entender esta curtametraxe? Por que?

26/10/14

AS CANCIÓNS DO XABARÍN CLUB!!!!! (2º de ESO)

Lémbrades que falamos na clase do Xabarín club (Xabaril club)? Pois velaquí tedes dous enlaces dende os cales podedes descargar algunhas das cancións, en mp3, e vídeos deste exitoso programa.


Con algunhas delas traballaremos na clase... Por fuciños, por cacheiras!

21/10/14

UNHA HISTORIA DE CONTRABANDISTAS E CONTRABANDO

Durante décadas os habitantes das aldeas arraianas galegas e portuguesas, do mesmo xeito que outros territorios fronteirizos, atoparon no contrabando unha forma de vida que lles garantía uns ingresos económicos que non poderían conseguir desempeñando outro oficio ou dedicándose á agricultura ou á gandería a pequena escala.

Neste breve documental titulado As historias do contrabando na "Raia" testemuñas portuguesas e galegas da provincia ourensá cóntanos o seu testemuño sobre a actividade contrabandista que realizaban, centrada fundamentalmente no café e no tabaco. 


Na actualidade no Concello de Vilardevós (na Cidadella), que linda con terras portuguesas, pódese facer un roteiro seguindo os pasos que estes contrabandistas deron durante anos. Este é un dos diversos roteiros do antigo contrabando que podemos percorrer en Galicia e nas súas fronteiras e, velaquí, tedes un vídeo publicado por António da Sousa e Silva.



Agora tócavos a vós!

a) Lembrades cal é o título da obra literaria do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín que ten un título relacionado con este tema?

b) Buscade información sobre o Couto Mixto e facede unha "suposta" entrada para a Galipedia sobre este tema.

13/10/14

A COMUNICACIÓN ANIMAL (1º Bacharelato)


Nesta ocasión imos analizar a comunicación dalgúns animais a través dos seguintes vídeos e buscar as semellanzas e diverxencias que esta ten coa comunicación lingüística. Visualizamos:

a) A danza das abellas



b) A comunicación dos golfiños


https://www.youtube.com/watch?v=hgSurtVWaoU


c) A comunicación dos monos

https://www.youtube.com/watch?v=74S5_zlfW5s



Logo de ver e analizar estes tipos de comunicación animal, imos reflexionar sobre as 100 formas que os galegos temos para referirnos á chuvia, a través da lectura deste artigo publicado no Portal da Ciencia en Galego .

16/09/14

RECURSOS ONLINE

Comezamos o curso 2014-2015 recollendo a relación de recursos online para o galego, ofrecida pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL). 

MaOs Innovación Social e S. Coop Galega ofrecen unha listaxe de dicionarios, dicionarios bilingües, vocabularios e glosarios, aplicacións de correción e tradución, aplicación para móbiles, recursos didácticos e consultas, normas e gramáticas, fraseoloxía e refráns, corpus (=conxunto de exemplos reais de uso dunha lingua), toponimia, nomes e apelidos e varios.



De seguro que vos ha ser moi útil!  

24/06/14

MICRORRELATOS ENCADEADOS (2º ESO A)

Estes son os microrrelatos encadeados do alumnado de 2º de ESO A do CPI O Toural de Vilaboa. Bo verán a todos e todas!
___

Saín da casa a correr con dirección á estrada. Podía sentir o vento nas miñas orellas; cada vez estaba máis preto da miña moza, que se atopaba ao outro lado da estrada dando un paseo polo parque. Corrín á présa co meu can e xusto cando estaba a punto de encontrarme con ela, pasou un fermoso coche vermello que algo aprisionou baixo a súa roda.
-Eh! Acabamos de atropelar un can! -sinalou o condutor.

A. B. C.
_________

-Eh! Acabamos de atropelar un can! -sinalou o condutor.
-Pobriño el. Terémolo que ir enterrar.
Alá fomos co pobre canciño esmagado. Levámolo a unha veiga, cavamos unha fochanca e démoslle sepultura. Xusto cando acabaramos de tapar o burato escoitouse o seu laiar característico; o Roque estaba esmagallado, pero vivo! Era incrible! Tan incrible que parecía un soño...
E, ao final, foi un soño.

I. A. P.
__________

E, ao final, foi un soño. Espertou!
Tratábase dun bo home chamado Iñaqui, que estaba casado cunha malvada meiga. Ela facía tropezar ao seu pai, o rei, quen non saía do quirófano. A meiga que era moi olvidadiza asinaba sen ler, engaiolada polo amor que lle tiña a Iñaqui.
Finalmente, condenaron a Iñaqui sen culpa e o presidente do seu goberno díxolle:
-Se segue así o teu pai non o encineran, fúndeno!

G. A. G. 
__________

-Se segue así o teu pai non o encineran, fúndeno! A meiga deuse conta do mal que lle estaba a facer o seu pai e foino visitar. Alí díxolle que sentía moito facerlle tanto mal e que a partir dese momento comezaría a comportarse ben e axudaríao no que fixese falta para conseguir a súa recuperación, pero non sen antes levar a cabo o plan que tanto tempo estivo matinando...

E. C. G.
__________

O plan que tanto tempo estivo matinando consistía en deixar que o seu pai lle pegase para vingarse. Tardou tanto en argallar tal parvada debido a que a meiga era pouco espilida. O pai deulle unha malleira que a deixou na UCI.

A. C. L.
_________

O pai deulle unha malleira que a deixou na UCI,motivo polo que a policía se achegou á vivenda e levouno a un xulgado. Despois dunhas cantas horas o xuíz ditou a súa culpabilidade.
Os policías levárono ao autobús de presos para transportalo ata o cárcere. Mentres ía de camiño ao cárcere, os seus compañeiros, que eran mercenarios e exmilitares, viñérono buscar nos seus coches tuneados e no seu helicóptero. Desde xeito, rescatárono!
A policía puxo os pais entre os máis buscados do territorio galego.

I. C. F.
_________

A policía puxo os pais entre os máis buscados do territorio galego. O pai da bruxa escapa do continente ata chegar a Botsuana, onde dedicaba o seu tempo á caza. Un día, logo dunha intensa indagación policial, o pai da bruxa foi detido nun cárcere africano.

N. F. del R.
_________

O pai da bruxa foi detido nun cárcere africano. Os seus ollos íanse pechando lentamente. Oíase xente berrando, correndo e pedindo axuda. Finalmente, media hora despois chegou a ambulancia, pero xa era demasiado tarde, xa que o home morrera.

L. L. B.
_________

Finalmente, media hora despois chegou a ambulancia, pero xa era demasiado tarde, xa que o home morrera. Uns días despois, descubriuse que o home lle deixara cinco millóns de euros á súa irmá. Meses despois morreu de cancro deixándolle outros catro millóns de euros ao seu fillo.

S. M. C.
_________

Meses despois morreu de cancro deixándolle catro millóns de euros ao seu fillo. O seu fillo, un home moi bondadoso, decidíu doarlle a Cáritas uns poucos deses cartos, e outro tanto a investigacións contra o cancro. Deixou para el, só dous millóns de euros. Destinounos a arranxar a vella casa en que vivía e a comprarlle un anel para a petición de matrimonio á súa moza, mais esta rexeitou a súa oferta por ser un anel tan caro.

I. O. G.
_________

Mais esta rexeitou a súa oferta por ser un anel tan caro.
A muller decidiu marchar a Hawai. Cando chegou alí, diante dos seus ollos tiña un paraíso. Nunca matinara que deixando ese anel podería permitirse unha vida así. Todo era perfecto, tiña unha mansión inmensa, un maiordomo guapísimo e, diante dela, a mellor praia de todo Hawai!
Nese momento abriu os ollos e atopábase nun segundo andar cheo de teas de arañas e estarricada nun sofá con moito po.

M. R. G.
_________

Nese momento abriu os ollos e atopábase nun segundo andar cheo de teas de arañas e estarricada nun sofá con moito po. Levandouse pouco a pouco, mirando cara aos lados cunha mirada medoñenta e con terror, tremía e comezaba a magoar. Estaba soa! Baixou as escaleira ata o primeiro andar, porque non había ninguén no segundo, petou nas portas, pero ninguén lle abría.

Chorando marchou fóra do edificio; non había nin unha triste persoa, nada, porque estaban as rúas totalmente solitarias? Ás 6:25h da tarde, alguén tiña que haber un venres pola tarde, que estaba pasando?

A. R. A.
__________

Ás 6:25h da tarde, alguén tiña que haber un venres pola tarde, que estaba pasando?
Era como se estivera só no mundo. Porque? Cal é o motivo polo que non atopaba a ninguén? A melancolía empezaba a achegarse á súa mente. Os ollos empezaron a humedecerse pola preocupación. Empezou a chorar. Non aguantou máis as bágoas. Aquilo parecía o mesmo océano Pacífico. Non se ía preocupar máis. Xa investigaría. Esperou un intre e... xa está! Xa sei onde están! Era o clásico R. Madrid-Barça! Estaban todos no Portal do Ribeiro, o novo bar da miña tía Mariluz. Ten unha pantalla de televisión de máis de 50 polgadas polo menos! Foi para alá, seguro que aínda podía velo rematar.

A. S. V.



Imaxe (autorizada) do alumnado de 2º ESO A do CPI do Toural (Vilaboa)

MICRORRELATOS ENCADEADOS (2º ESO B)

Velaquí quedan os microrrelatos encadeados do alumnado de 2º de ESO B do CPI O Toural de Vilaboa. Bo verán a todos e todas!
______

Os teus ollos non pestanexan. Vela correr dun lado a outro; férveche o sangue, comeza a tremer o teu corpo... o teu corazón latexa cada vez máis forte, non sabes cando vai acabar isto. E... GOOOOL!!!

Z. C. M.
________

E... GOOOOL!!!
O árbitro pita fóra de xogo. Non o podían crer. Todos foron protestarlle. A grada estaba enfurecida. De repente, o árbitro caeu ao terreo de xogo por un infarto.

M. C. R.
________

De repente o árbitro caeu ao terreo de xogo por un infarto. O árbitro empeza a perder as pulsacións, momento en que entraron os enfermeiros a ver o que sucedía. Cando o estaban subindo á ambulacia escóitase un BOOM, BOOM, BOOM. O vehículo estoupa!

M. C. C.
_________

O vehículo estoupa! O árbitro aínda non entrara na ambulancia, pero o condutor que saía da ambulancia en chamas empezou a dar voltas para o terreo de xogo ata que as chamas se apagaron. Tiveron que chamar a outra ambulancia para que o fora buscar o árbitro e o condutor, cheos de queimaduras graves. Cando chegaron ao hospital o médico dixo que chegaran xusto a tempo porque con algo máis de demora o árbitro perdería a vida.

C. de la C. V.
_________

Cando chegaron ao hospital o médico dixo que chegaran xusto a tempo porque con algo máis de demora o árbitro perdería a vida. Necesitaba unha operación moi perigosa e o seu prezo superaba os 1.500 euros. A familia non tiña os cartos, así que lle pediu á xente da vila que colaborase dando un euro para salvarlle a vida ao árbitro.

A. D. R.
________

A familia non tiña os cartos, así que lle pediu a xente da vila que colaborase dando un euro para salvarlle a vida ao árbitro. Co diñeiro que lle deron os veciños e o pouco diñeiro que tiña a familia, puido facerse a operación para salvarlle a vida ao árbitro.

M. El H.
________

Puido facerse a operación para salvarlle a vida ao árbitro, que era un home ben querido na súa zona de residencia. A operación foi todo un éxito, motivo polo que o médico o deixou ir para a casa ao cabo de 53 días baixo a observación dos enfermeiros e enfermeiras.

K. F. A.
_________

O médico deixouno ir para a casa ao cabo de 53 días baixo a observación dos enfermeiros e enfermeiras. Cando ía no coche e case chegara á vivenda, díxolle ao condutor que parara, pero... ninguén estaba ao volante.

A. F. G.
_________

Ninguén estaba ao volante. El asustouse moito. De repente o coche parouse diante da súa casa; el baixouse rapidamente e o coche marchou. Cando ía coller as chaves deuse conta de que as deixara no coche.

T. F. L.

_________

Cando ía coller as chaves deuse de conta de que as deixara no coche. Agora xa non sabía que facer, olvidáranselle as chaves e non podía entrar na casa. Ocorréuselle unha idea, podía ir mirar se tiña algunha ventá aberta e así rubir por ela. Achegouse á ventá e... si, estaba aberta.

A. G. P.
________

Achegouse á ventá e... si, estaba aberta... pero un momento el antes de saír xurou que, coma sempre, revisara que todas as ventás estiveran pechadas e, de repente, oíuse un ruído que viña do interior do domicilio. Asexou coa cabeza pola ventá...

A. G. M.
________
Asexou coa cabeza pola ventá... E... sen poder mirar ben dentro da casa escoitou outro ruído, pero este viña de fóra; era o seu veciño intentando roubarlle o coche. Cando se dispoñía a perseguilo tropezou co amalló dos zapatos e caeu ao chan.

A. I. J.
________

Cando se dispoñía a perseguilo troupezou co amalló dos zapatos e caeu ao chan. O veciño colleu o coche e intentou escapar, pero el tiña unha escopeta e disparou contra as rodas. Perdeu o control do coche e bateu contra un pau da luz. Morreu do forte impacto!

I. M. C.
________

Morreu do forte impacto! Achegouse ao coche. Estaba asustado e colleu o corpo cheo de sangue e de cristais. Meteuno na casa e marchou dar unha volta para pensar que facer co corpo. Cando volveu á casa as portas estaban rotas e o corpo non estaba...

P. P. G.
_________

Cando volveu á casa as portas estaban rotas e o corpo non estaba... Entrou na casa e todo permanecía no seu lugar, non faltaba nada. Nin sequera había sangue, só un forte fedor a lixivia e un pequeno sobre lacrado. Abriuno e... cunhas fermosas letras verde esmeralda rezaba...

N. R. J.
_________

Abriuno e... cunhas fermosas letras verde esmeralda rezaba... Xusto cando ía ler o que dicía, escoitou o son da porta e tívoo que agochar detrás súa para que ninguén o vise. Era Laura, que viña para invitalo a unha festa que ía celebrar na súa casa o vindeiro fin de semana, pero, nese intre, decatouse de que non estaba durmindo. Senón, como podía ser que había poucos minutos atopara rota a porta e agora escoitaba o son do picaporte?

C. R. S.
_________

Como podía ser que había poucos minutos atopara rota a porta e agora escoitaba o son do picaporte? 
De súpeto, espertou. Decatouse de que estaba sangrando; tiña unha ferida na cabeza. Alguén lle dera cunha barra de metal que se atopaba ao seu carón. Estivo buscando algo co que poder curarse, pero non atopou nada por ningures. Cando xa estaba esgotado sentouse no chan e púxose a cavilar o porqué daquel soño con Laura. E... de súpeto.... lembrouse! 
Laura convidárao á súa festa... pero... a semana pasada! Correi tanto como lle deron as pernas ata que...

L. S. C.
_________

Correu tanto como me deron as pernas ata que... De súpeto, atopouse con Laura, non sabía por que estaba alí e é posible que a súa cara o delatase. Ela comezou a comer ata chegar ao seu carón, sacou un coitelo e intentou cravarllo. Por sorte esquivouno e botou a correr, pero sangraba demasiado e acabou esvaéndose. Xa nunca máis acordou. Entrou en coma e aínda que ninguén sabía que escoitaba el era consciente de todo. Laura sempre estaba ao seu carón...

C. S. G.
__________

Laura sempre estaba ao meu carón. Era como unha sombra, seguíao a todas partes... Ou era ilusión del? Parecíalle un soño. Isto non podía ser real... Tantas mortes na súa cabeza. Ring, ring, ring.... soaba o espertador. Era todo un soño, tiña que arbitrar o partido Sevilla-Betis.

I. V. P. 
__________


Foto (autorizada) do alumnado de 2º ESO B do CPI O Toural (Vilaboa)


31/05/14

UNHA HISTORIA DE AMOR, ODIO E VINGANZA: INÉS DE CASTRO

Velaquí vos deixo unhas ligazóns para que coñezades a figura dunha galega que reinou despois de morta no século XIV na corte portuguesa.

    a) Información que achega a Galipedia sobre Inés de Castro.
    b) Un documental (en portugués) titulado Histórias que o tempo apagou: por que morreu Inés de Castro (a partir do minuto 3:39).


Tumba de Inés de Castro no mosteiro de Alcobaça

12/05/14

17 DE MAIO DE 2014... XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO (1º e 2º ESO)

Este ano 2014 o Día das Letras galegas está dedicado ao poeta lucense Xosé María Díaz Castro, motivo polo que nos imos achegar á súa obra traballando cunha escolma de poemas e, como apoio, veremos os vídeos do Portal das Palabras titulados Penélope (Palabras de Díaz Castro) e O léxico de Nimbos (Palabras de Díaz Castro)

Ademais, como aproximación á figura deste autor visualizaremos o telexornal que fixeron os compañeiros do CPI dos Dices, en Rois e a película Os camiños esquencidos, centrada súa vida e elaborada pola comunidade educativa do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.




Ah! Non esquezades que durante este mes poderedes ver nas bolsas da compra das empresas Vegalsa-Eroski poemas pertencentes á obra poética Nimbos de Díaz Castro.

Un paso adiante!

05/05/14

TRABALLAMOS O XÉNERO NARRATIVO

Desta volta imos traballar o xénero narrativo a través dun conto tradicional galego: O sapo e o raposo, breve e axeitado para facermos este estudo.


https://www.youtube.com/watch?v=g9arSG5Peh4

Amais, Rosa Salgueiro ofrécenos unha actividade interactiva sobre este conto, realizada co HotPotatoes.

A traballar!

26/04/14

VAI DE VIÑOS!

Desta volta, ímoslle dedicar (*adicar) esta entrada da bitácora ao alumnado de 2º de ESO A, por amosaren tanto interese por estes estupendos spots para publicitar varios viños galegos. Velaquí quedan porque esta semana traballaremos con eles.

Spot do viño Gran Alanís coa música "A saia da Carolina":


Spot viño Miudiño coa música "O sacristán de Coímbra":


Spot do viño Rectoral de Amandi coa música "Vén bailar Carmiña":


Quen queira ampliar información sobre estes vídeos publicitarios, pode ler o seguinte artigo, publicado no xornal Galicia Confidencial baixo o título: "O viño, a moda e a música únense na campaña 'Clásicos Galegos'".

Un brinde por estes anuncios e, claro, tamén polos nosos caldos!


21/04/14

GABRIEL GARCÍA MÁRQUEZ: "Viendo llover en Galicia" (2º ESO)

Velaquí vos deixo un artigo do escritor colombiano Gabriel García Márquez, Gabo!, que faleceu recentemente e do cal é posible que non coñezades aínda a súa obra literaria. Foi publicado no xornal El País e malia non estar escrito en lingua galega fala da nosa cultura e, de seguro, que vos gustará.

Agora, quen se atreve a investigar a relación deste escritor con Galicia? :-)

23/03/14

UNHA OBRA DE TEATRO: AS DO PEIXE 

Aproveitando a celebración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, achegarémonos a Pontevedra para ver a obra teatral As do peixe, da compañía Abrapalabra. Está dirixida por Cristina Domínguez e o texto, centrado no traballo das mulleres nas fábricas de conserva, é da autoría de Candido Pazó.


Como lectura previa utilizaremos a entrevista á directora artística, Cristina Domínguez, que se recolle no diario dixital Praza Pública e uns minutos da obra que podedes ver premendo na imaxe.


Agora ao teatro e, en breve, poderemos traballar co texto teatral!

11/03/14

FALAMOS... DE PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS!

Nesta ocasión imos (e non *vamos) reflexionar un pouco sobre os prexuízos lingüísticos e, para iso, visualizaremos algúns vídeos:
a) O primeiro deles será o dunha concursante do programa Gran Hermano falando sobre a lingua galega e o seu uso.


b) A entrevista do lingüista Juan Carlos Moreno Cabrera, autor de Los dominios del español: guía del imperialismo lingüístico panhispánico (programa Para todos la 2).




c) A reflexión de dúas mulleres galegofalantes sobre o uso da lingua galega dende as súas vivencias.




d) O vídeo Lingua minoritaria da autoría de Manuel Bermúdez e Manuel Núñez Singala.




e) O texto de Séchu Sende "Guía sexual da sociolingüística".

f) As palabras da xornalista Marga Pazos recollidas na entrega dos premios Mestre Mateo 2015 á mellor comunicadora.



Agora tócanos a nós reflexionar, valorar e extraer conclusións de todo o que se conta nestes vídeos e no texto e, se queredes, noutros moitos espallados pola rede. Dámoslle á lingua? ;-)

05/02/14

AS "CHATAS" DO GROVE

O alumnado dos IES As Bizocas e Monte da Vila do Grove elaboraron baixo a coordinación dos profesores Arximiro Fernández Cabanelas, Rosabel Magdalena, Patricia Arias Cachero e Antón Mascato o Dicionario dos alcumes do Grove. As nosas chatas, unha interesante obra na cal recollen, por orde alfabética, os alcumes dos habitantes do Grove e achegan  información relativa á súa motivación.

Velaquí quedan unhas páxinas de mostra:


Botádelle un ollo, que vos vai gustar!
Podedes ampliar información na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

30/01/14

UNHA RECOMENDACIÓN... Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros

No ano 1919 Vicente Risco publicaba a obra Do caso que ll'aconteceu ô Dr. Alveiros, na cal está presente o esoterismo e o mundo de ultratumba. Hoxe, grazas ao traballo levado a cabo dende a Fundación Vicente Risco e producido por Visual-q co apoio da CRTVG, podemos dispoñer dun interesante filme baseado nesta obra que nos vai permitir achegarnos e coñecer un pouco máis o pensamento dos homes da Xeración Nós. 

Por un prezo simbólico pódese mercar o DVD xunto cunha reprodución facsimilar da primeira edición do texto e, como complemento para as clases, podemos botar man dunha completa unidade didáctica e dunha adaptación da obra de Risco, da autoría de Eugenia Muñoz, todo descargable dende a sección "Alveiros" da páxina web da dita Fundación.


Trailer do filme

CRÉDITOS:
Adaptación do guión da obra literaria: Luís Martínez-Risco Daviña e Antonio Blanco Rodríguez
Asesoramento de guión: Eugenia Muñoz
Produción: Luís Martínez-Risco Daviña e Luís Baños Campo
Axudantes de produción: Antonio Blanco Rodríguez e Alfonso Vázquez-Monjardín Blanco
Dirección de casting: José Luis Quintana Bouzas
Música orixinal: José Luis Fernández "Carnicero"
Posprodución: Celso Gómez Saa
Maquillaxe e peiteado: Marisol Formigo Pérez
Vestiario: Centro Dramático Galego
Escenografía carpintería: Antonio Conde Álvarez

Doutor Alveiros: Xabier Álvarez Cid
R. Dehmel: Xoán Lois Fernández
Dirección: Luís Baños Campo

Parabéns por este proxecto e moitos folgos para que nos sigades agasallando con máis filmes!

26/01/14

TRABALLAMOS CO CONTO "O PAI DE MIGUELIÑO"

Para achegarmos a figura de Castelao ao primeiro ciclo de ESO propoñémosvos estas actividades que realizamos co alumnado de 1º de ESO do IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada. Foron todo un éxito e ata houbo quen se animou a escribir o "O pai de Migueliño do século XXI".





Desexo que gozedes desta tarefa tanto coma nós!

20/01/14

VAI DE TOPÓNIMOS... DE FOLGOSO DO COUREL!

O alumnado de ESO do CPI Poeta Uxío Novoneyra elaborou baixo a coordinación da profesora de Lingua galega e literatura, Rosa Alonso Lozano, un estudo toponímico titulado Unha terra sementada de palabras. Investigación escolar sobre a toponimia courelá.

Esta obra toponímica está baseada nun traballo de campo realizado por un grupo de alumnos e alumnas, que logo de entrevistar a informantes de dez aldeas (Esperante, Ferreirós, Folgoso, Noceda, Paderne, Romeor, Seceda, Seoane, Sobredo e Valdomir) recolleron aproximadamente uns 600 topónimos. Na obra ofrecen un estudo léxico, organizado por aldea, dende o plano semántico, morfolóxico e etimolóxico e recollen unha análise xeral destes tres ámbitos, de moito interese e que dá conta da riqueza léxica que teñen nas terras de Folgoso do Courel.




Parabéns ao alumnado e a Rosa Alonso por este estudo e desexamos que haxa moitos máis coma este!

08/01/14

ALGÚNS RECURSOS PARA A ENSINANZA DE INMIGRANTES ÁRABES

A continuación ofrecemos unha selección de recursos gratuítos que nos poden ser útiles á hora de ensinarmos español ao alumnado árabe. Malia non existir nada específico (publicado) para a ensinanza de galego dirixida a estes alumnos, algúns destes materiais para o español tamén poden ser utilizados para a alfabetización en lingua galega.

Lecturas de interese para o profesorado:

Benyaya, Zineb (2007): "La enseñanza del español en la secundaria marroquí: aspectos fónicos, gramaticales y léxicos", Revista Nebrija de Lingüística Aplicada a la Enseñanza de Lenguas, vol. I, núm. 2 (publicación dixital).

Bermejo Fernández, Mariano e María Dolores Solano Lucas (2002): "El mundo árabe, cultura y lengua. Implicaciones al proceso educativo", relatorio presentado no Curso de formación específica en compensación educativa e intercultural para agentes educativos. Murcia.

Moscoso García, Francisco (2011): "El árabe marroquí: Una lengua y no un dialecto. Educar en la lengua materna", Revista de Estudios Internacionales Mediterráneos 10 (publicación dixital).

Materiais para traballar co alumnado:

Manuais

Galvín, Isabel (coord.) (1998): "FORJA. Lengua española para inmigrantes". Madrid: CC.OO.

Gómez André, María Eugenia (2007): Nahono. Método de lectoescritura para personas inmigrantes de lengua árabe. Xunta de Galicia.

Rey, Isabel (coord.) (2006): ¿Cómo se dice...? Manual de español para inmigrantes. Nivel A1-A" [con glosario e gravacións] Madrid: Obra Social Caja Madrid.

Rey, Isabel (coord.)  (2007): ¿Cómo se escribe...? Manual de alfabetización para inmigrantes [con guía didáctica]. Madrid: Obra Social Caja Madrid.

Santos Palmou, Xandra, Inmaculada Seage Freire e Mª D. Vilasó Martínez (2007): Aula de galego 1. [Santiago de Compostela]: SXPL/Xunta de Galicia [Nota: único material para a ensinanza da lingua galega a alumnado acabado de chegar doutras comunidades ou países].

Dicionarios e vocabularios

Alkuwaifi, Ahmad e Montserrat Torres Fabrés (2003): Diccionario ilustrado árabe-español. Barcelona: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.

Dirección General de Igualdad y Calidad en la Educación (2003): Diccionario básico castellano-árabe. Junta de Comunidades de Castilla-La Mancha/Consejería de Educación [accesible en slideshare].

Moscoso García, Francisco (2005): Diccionario español árabe marroquí. Sevilla: Dirección General de Coordinación de Políticas Migratorias.

Materiais interactivos

Tres historias para ver... e aprender! (Os contos do camiño). Material audiovisual en galego con propostas didácticas de nivel baixo para iniciarse na comprensión oral en lingua galega.

Tradutor

Babelx: permite traducións e ofrece dicionarios entre diversas linguas (neste caso, español-árabe/árabe-español e viceversa).

Web de interese:

Nota: dende aquí podemos descargar un programa para escribir en árabe nun teclado con alfabeto latino.