30/11/15

ATA SEMPRE NEIRA VILAS!

De seguro que se Xosé Neira Vilas entrase en Xunqueiros estaría encantado de saber que moitos de nós o recordamos como ese escritor cariñoso e bo home que nos recibía con moito agarimo na súa casa de Gres (Vila de Cruces) e nos abría as portas da súa literatura, pero tamén da súa vida. 

Polo tanto anímovos a todos a que leades As memorias dun neno labrego, se aínda non o fixéstedes e coñezades a historia de... "Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre....". Agora tedes que seguir vós!


18/11/15


A NOVA CANCIÓN GALEGA (2º de Bacharelato)

Nesta ocasión ofrecemos información sobre a Nova Canción Galega, á cal debedes facer referencia no voso tema de sociolingüística que estuda "O galego de 1936 a 1975". Lembrade que estivo promovida polo colectivo de cantautores Voces Ceibes, que empregaron a lingua galega nas súas cancións, en moitos casos baseadas en textos literarios, e impulsaron a normalización do galego no ámbito musical.

Para afondar na música galega desta época podedes:

a) Consultar a páxina web Noticias sobre a Nova Canción Galega (1967-1974) que, amais de datos de interese, ofrece arquivos sonoros.

b) Visualizar os programas 3 e 4 da CRTVG titulados Naqueles tempos. Do Paraninfo ás top list (1ª parte e 2ª parte).


Agora tócavos a vós!

1. Quen foron os integrantes de Voces Ceibes?
2. En que cidade galega apareceron como grupo por primeira vez?
3. Que relación existía entre os representantes da Nova Canción Galega e a Universidade de Santiago de Compostela? Entendedes o título do programa da CRTVG?
4. Que relación existiu entre a música galega e a portuguesa nesta época? Cales foron os músicos implicados nesta relación musical?
5. Por que consideras que foi importante a existencia deste movemento musical?


15/11/15

A XERACIÓN NÓS (4º ESO)

Esta semana achegarémonos á Xeración Nós ou Grupo Nós, no que se inclúen un grupo de autores aglutinados en torno á revista Nós. Entre eles destacan Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Afonso Daniel Rodríguez Castelao e Florentino L. Cuevillas. Utilizaremos unha serie de materiais que recollemos nesta entrada.

a) A montaxe O Grupo Nós elaborada por dúas alumnas (Alexandra Lago López e Sara Pereira Fernández) do IES María Soliño de Cangas e o artigo A xeración Nós, da autoría de Carmen Fernández Pérez-Sanjulián.

d) O editorial do primeiro número da revista Nós, que se pode descargar dende a páxina da Real Academia Galega.

e) Castelao en diapositivas, elaboradas polo ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo e a información que achega a páxina da Fundación Castelao.

f) Vídeo publicado polo Museo de Pontevedra, en que se comentan varios debuxos de Afonso D. Rodríguez Castelao que amosan a súa visión sobre a emigración.

g) Risco no nacionalismo galego, vídeo da autoría de Luís Martínez Risco Daviña.

MergullámoNOS!



04/11/15

ARTES ESCÉNICAS (IV)

Con esta última entrada rematamos as sesións de Artes escénicas. Velaquí quedan as referencias desta semana:

a) Desta volta recoméndovos o libro de Curtis Canfield titulado El arte de la dirección escénica.

b) A propósito dos musicais, déixovos aquí a referencia á bitácora de Alberto Lacasa para que vos acheguedes á historia dos musicais. 


c) As películas da semana: El baile de la Victoria (2009) de Fernando Trueba, adaptación da novela de Antonio Skármeta. Conta a historia de dous presos que conseguen a liberdade e van buscar o sentido das súas vidas; un deles, Ángel Santiago coñece a Victoria, afeccionada á danza e a súa vida dará un xiro de 180º. A traxicomedia de Shakespeare titulada The Winter's Tale, da man da compañía londiniense Kenneth Branagh's.


d) A obra de Álvaro Cunqueiro titulada O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, representada por Sarabela Teatro e onde podedes ver as referencias á Commedia dell'arte.