30/11/15

ATA SEMPRE NEIRA VILAS!

De seguro que se Xosé Neira Vilas entrase en Xunqueiros estaría encantado de saber que moitos de nós o recordamos como ese escritor cariñoso e bo home que nos recibía con moito agarimo na súa casa de Gres (Vila de Cruces) e nos abría as portas da súa literatura, pero tamén da súa vida. 

Polo tanto anímovos a todos a que leades As memorias dun neno labrego, se aínda non o fixéstedes e coñezades a historia de... "Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre....". Agora tedes que seguir vós!


18/11/15


A NOVA CANCIÓN GALEGA (2º de Bacharelato)

Nesta ocasión ofrecemos información sobre a Nova Canción Galega, á cal debedes facer referencia no voso tema de sociolingüística que estuda "O galego de 1936 a 1975". Lembrade que estivo promovida polo colectivo de cantautores Voces Ceibes, que empregaron a lingua galega nas súas cancións, en moitos casos baseadas en textos literarios, e impulsaron a normalización do galego no ámbito musical.

Para afondar na música galega desta época podedes:

a) Consultar a páxina web Noticias sobre a Nova Canción Galega (1967-1974) que, amais de datos de interese, ofrece arquivos sonoros.

b) Visualizar os programas 3 e 4 da CRTVG titulados Naqueles tempos. Do Paraninfo ás top list (1ª parte e 2ª parte).


Agora tócavos a vós!

1. Quen foron os integrantes de Voces Ceibes?
2. En que cidade galega apareceron como grupo por primeira vez?
3. Que relación existía entre os representantes da Nova Canción Galega e a Universidade de Santiago de Compostela? Entendedes o título do programa da CRTVG?
4. Que relación existiu entre a música galega e a portuguesa nesta época? Cales foron os músicos implicados nesta relación musical?
5. Por que consideras que foi importante a existencia deste movemento musical?


15/11/15

A XERACIÓN NÓS (4º ESO)

Esta semana achegarémonos á Xeración Nós ou Grupo Nós, no que se inclúen un grupo de autores aglutinados en torno á revista Nós. Entre eles destacan Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Afonso Daniel Rodríguez Castelao e Florentino L. Cuevillas. Utilizaremos unha serie de materiais que recollemos nesta entrada.

a) A montaxe O Grupo Nós elaborada por dúas alumnas (Alexandra Lago López e Sara Pereira Fernández) do IES María Soliño de Cangas e o artigo A xeración Nós, da autoría de Carmen Fernández Pérez-Sanjulián.

d) O editorial do primeiro número da revista Nós, que se pode descargar dende a páxina da Real Academia Galega.

e) Castelao en diapositivas, elaboradas polo ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo e a información que achega a páxina da Fundación Castelao.

f) Vídeo publicado polo Museo de Pontevedra, en que se comentan varios debuxos de Afonso D. Rodríguez Castelao que amosan a súa visión sobre a emigración.

g) Risco no nacionalismo galego, vídeo da autoría de Luís Martínez Risco Daviña.

MergullámoNOS!



04/11/15

ARTES ESCÉNICAS (IV)

Con esta última entrada rematamos as sesións de Artes escénicas. Velaquí quedan as referencias desta semana:

a) Desta volta recoméndovos o libro de Curtis Canfield titulado El arte de la dirección escénica.

b) A propósito dos musicais, déixovos aquí a referencia á bitácora de Alberto Lacasa para que vos acheguedes á historia dos musicais. 


c) As películas da semana: El baile de la Victoria (2009) de Fernando Trueba, adaptación da novela de Antonio Skármeta. Conta a historia de dous presos que conseguen a liberdade e van buscar o sentido das súas vidas; un deles, Ángel Santiago coñece a Victoria, afeccionada á danza e a súa vida dará un xiro de 180º. A traxicomedia de Shakespeare titulada The Winter's Tale, da man da compañía londiniense Kenneth Branagh's.


d) A obra de Álvaro Cunqueiro titulada O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, representada por Sarabela Teatro e onde podedes ver as referencias á Commedia dell'arte.



22/10/15

ARTES ESCÉNICAS (III)

Esta semana as clases de artes escénicas xiran en torno ao teatro grecolatino. A seguir tedes algúns dos materiais utilizados ou citados nas aulas:


b)  O vídeo do teatro de Dioniso, ofrecida na canle Egipto a Roma. Historia antigua.

c) Diapositivas do Teatro clásico gregolatino.

d) O vídeo Do teatro grego ao romano, da canle ArteHistoria.

d) O vídeo do anfiteatro Arena di Verona, de Travelitalia.com.

e) A película da semana: Medea (1969) -trailer-, dirixida por Pier Paolo Passolini e con María Calas no reparto.

b) A recomendación da semana: a obra teatral Juicio a una zorra -trailer-, centrada na vida de Helena de Troia, cuxo papel é feito por Carmen Machi.



Coturnos



Máscaras

19/10/15

A LINGUA E A LITERATURA NA ÉPOCA DAS IRMANDADES DA FALA (4º ESO)

Para achegármonos á produción literaria e ao contexto sociolingüístico na época das Irmandades da Fala visualizaremos as seguintes diapositivas:

a) A lingua galega na primeira etapa do século XX (1900-1936), da autoría de Luciano Fernández.

b)  A poesía das Irmandades da Fala, da autoría de Lourenço Álvarez.

c) Guía de lectura da obra de Ramón Cabanillas titulada Na noite estrelecida (1926), elaborada por Ignacio Rodiño.




Ramón Cabanillas

16/10/15

ARTES ESCÉNICAS (II)

Velaquí tedes algúns dos materiais utilizados ou citados na materia de Artes escénicas desta semana:

a) Unha lectura recomendada:
1. La figura del vino en la obra de Wiliam Shakespeare de María Asunción Barreras Gómez.

b) As películas da semana: Shakespeare in love, do director John Madden e Belleza prohibida, dirixida por Richard Eyre. En ambos os filmes aparece reflectida a dificultade das mulleres para subir aos escenarios durante os séculos XVI e XVII.

c) As propostas da semana: a guía cultural Go! da provincia de Pontevedra, a obra O principio de Arquímedes da compañía Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago e a obra La Merda de Frida Kahlo Productions, representada recentemente no Festival internacional de teatro de Ourense (FITO 2015).


07/10/15

ARTES ESCÉNICAS (I)

Nesta entrada tedes algúns dos materiais utilizados ou citados na materia de Artes escénicas desta semana para que poidades telos da vosa man.

a) Un vídeo coa referencia á obra Carmen da compañía de teatro andaluz La Cuadra de Sevilla, dirixida por Salvador Távora.

b) Unha breve presentación da vida e obra de William Shakespeare, que nos vai axudar a achegarnos á comedia Noite de Reis. (Nota: ata ler a comedia non vexades máis alá da diapositiva 22).

c) Dúas lecturas recomendadas:
1. El espacio vacío de Peter Brook. Aquí tedes un resumo da obra.
2. A fábrica do teatro de Michel Pruner (editado pola Editorial Galaxia no ano 2005 e traducido por Inma López Silva).

d) A película da semana: El último bailarín de Mao, do director Bruce Beresford. Esta película está baseada na vida do bailarín Li Cunxin e conta como no medio da Revolución chinesa Cunxin deixa a súa familia de campesiños para dedicarse á danza. Finalmente, obtén unha bolsa en EE UU e acaba converténdose nun gran bailarín, logo de superar moitas dificultades. Podedes ver o trailer premendo na primeira imaxe.

e) As propostas da semana: 8ª edición do Festival internacional de teatro de Ourense (FITO) e Festival Ponteatro de Pontevedra (edición 2015).








02/10/15

E TI... COMO TE CHAMAS?

Seguro que moitos de vós compartides clase con compañeiros que teñen o mesmo nome de pía (Antón, Xela, Breogán, Xoana...) ca vós. Se tedes curiosidade por saber cales son os 10 nomes máis comúns, masculinos e femininos, dende o ano 2000 ata o 2014, podedes consultar o Ránking dos 10 nomes máis populares en Galicia (2000-2014), que nos ofrece o Instituto da Lingua Galega (ILG).

Amais dun gráfico interactivo para o nomes máis habituais podedes coñecer a evolución da frecuencia dos vosos nomes, información sobre a súa orixe etimolóxica e o seu significado.

A que esperades? :-)


04/09/15

E LOGO... AS LINGUAS SON INCOMPATIBLES ENTRE SI?


Incorporámonos a setembro coas pilas ben cargadas e coa socilingüística como tema de análise. Desta volta convídovos a reflexionar sobre a compatibilidade ou incompatibilidade das linguas, moi de actualidade estes días logo da circulación dunha conversa por Whatsapp entre dúas persoas, que deixaron de compartiren coche por utilizar linguas diferentes: o galego e o castelán. Vós credes que non se enterían para ter unha conversa durante os 50 minutos que duraba o traxecto?

O tema desta conversa deu lugar a diferentes reflexións e críticas e comentarios sobre o tema. Velaquí algúns deles:

a) Unha viñeta de Luís Davila.


b) O artigo de opinión da escritora Inma López Silva publicado en La Voz de Galicia (30/8/2015) e titulado "¿Dámoslle a volta ao conto?".

c) O artigo de opinión do xornalista Xosé Manuel Pereiro publicado en La Opinión (29/8/2015) que leva por título "A chica da curva do Blablacar".

Agora tócavos a vós reflexionar sobre este tema e valorar se é posible a convivencia entre varias linguas e tamén lembrar que é a comunicación.


Bo comezo a todos/as!

29/07/15

CASTELLANOS DE CASTILLA...

De seguro que recoñecedes este verso dunha copla popular que glosou a poetisa Rosalía de Castro en Cantares gallegos (1863). Para que entendades mellor a composición e a figura dos segadores, a pesar de haber séculos de diferenza, podedes ler este artigo publicado no xornal Faro de Vigo (27.07.2015) titulado "Los últimos de Castilla".


Bo verán e vémonos en setembro!

21/07/15

UNHA REFLEXIÓN DA MAN DE ALDAOLADO

Lucía Aldao e María Lado son dúas poetisas que integran o dúo Aldolado. O pasado venres actuaron no programa Luar cunha intervención moi interesante sobre a lingua e a sociolingüística e, por suposto, con presenza da poesía. Botádelle un ollo!


Ambas as dúas teñen obras poéticas publicadas, así que vos animo a que investiguedes na rede.

28/05/15

UNHA REFLEXIÓN SOBRE A LINGUA

Na edición do XI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo gañou un texto da carballesa Luz Cures. Títulase "Etiquetaxe" e nel a autora fai unha reflexión sobre a lingua galega que, de seguro, vos fai facer pensar e é posible que a dita análise vos sirva para contestar parte dalgunha das preguntas de sociolingüística que se avalian nas PAAU.
Parabéns a Luz Cures e velaquí (categoría gramatical = adverbio) tedes unha imaxe dela!



15/05/15

LETRAS GALEGAS 2015: XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE

Neste ano 2015 o Día das Letras Galegas está dedicado á figura do pontevedrés Xosé Fernando Filgueira Valverde (1906-1996) á cal nos imos achegar a través de material audiovisual:

a) Documental Contextualizando a Filgueira Valverde, da autoría de Gonzalo E. Veloso, que malia durar 58:45 minutos, permite unha visualización parcial.

b) Documental Decreto Filgueira, dirixido por Ozo Perozo, no cal se analiza o proceso normativizador do galego e o papel que Filgueira Valverde tivo nel. Nel repásanse os diferentes posicionamentos lingüísticos e as formulacións normativas que tiveron lugar dende o ano 1970.

Agora tócavos a vós reflexionar:

a) Que xéneros literarios cultivou Filguera Valverde? 
b) Cal foi a cidade galega á que estivo vinculado este intelectual?
c) O autor homenaxeado conta nalgunhas das súas obras con ilustracións doutro persoeiro galego da época, sabes quen foi?
d) Que criterios se tiveron en consideración á hora de crear o estándar da lingua galega?





25/03/15

ENTRE DESPEDIDAS E RECORDOS

Esta bitácora, que naceu no curso 2008-2009 nunha aula de 1º de Bacharelato do instituto Xunqueira I de Pontevedra, adoita (e non *soe) recoller entre as súas entradas tarefas, recomendacións, recursos e algún que outro xogo, todos relacionados coa lingua e a literatura galega. Con todo, neste caso non será así, xa que desta volta contén un agradecemento a todos vós, alumnos do IES Val Miñor do curso 2014-2015.

Xa sabemos que o curso non rematou aínda, pero para nós si, xa que quedou reducido aos cinco meses que durou a miña substitución. Aínda así, abondounos o tempo para coñecérmonos e compatir moitos momentos educativos e divertidos, dos cales gardo un estupendo recordo. Semanas despois, sigo sorprendida con todas as vosas festas sorpresa e coa capacidade organizativa que tivéstedes, que creo que se non é con soporte gráfico, malamente se podería entender que semellante despregamento de medios puidese saír da cabeciña do alumnado dun instituto. 

Tamén gardo, nun lugar moi especial, todos os vosos agasallos que, como xa sabedes, me encantaron, xunto cos vosos comentarios e correos no cales me contades o moito que aprendéstedes nas clases e o útil que vos pareceu o galego. Espero que vós tampouco olvidedes as nosas anécdotas cotiás.
  • Mozos e mozas de 2º de ESO, non esquezades o entretido que é falar e cantar en galego e, se son as cancións do Xabarín club, mellor que mellor. Amais, en galego tamén se poden facer debuxiños xeitosos, notiñas, ir á voda dos determinantes cos substantivos e mesmo organizar almorzos para relamber o bico.
  • Camaradas de 3º de ESO, lembrade que non hai como comezar un xoves pola mañá ou rematar un venres cunha clase de Lingua galega, pois sempre podemos facer de meteorólogos por un día e ver o "mar picado"; escoitar cancións de Guadi Galego e Sés, falar de petróglifos, prefix/ks/os e sufix/ks/os e, mesmo, conseguir que o pronome vaia ben colocadiño e non ande bailando muiñeiras no medio das oracións.
  • (Ex)titorandos de 3º de ESO A, de seguro que non ides olvidar as variadas tarefas que se poden facer nunha hora semanal de titoría. Extraer gomas de mascar ao estilo máis profesional, abrillantar as mesas, analizar as notas, falar de substantivos epicenos e sincréticos, facer carteis para promover o bo uso da lingua, escoitar charlas, imaxinar o futuro e, mesmo, compartir lágrimas ou xoaniñas de chocolate. Por todo isto, paseino xenial convosco e, de novo, moitas grazas polo vídeo. Encantoume! Agora só vos falta a 3ª avaliación: a por ela!
  • Finalmente, tócalle a 1º de Bacharelato A. A pesar de non axudarnos moito o horario, creo que aproveitamos ben o tempo, grazas tamén ao noso técnico de proxectores ;-). Sei que quedástedes fascinados co mundo medieval e mais cos comentarios de texto e que perdéstedes o medo a recibir regalos fotocopiados. Ademais, as vosas notas falaron por si soas, do mesmo xeito que o fan eses correos electrónicos, que tan ben escribe a vosa representante, para agradecerme ter sido a vosa profesora.
Por todo isto, direivos que foi un pracer darvos clase e volvería facelo encantada, de aí que isto sexa un "ata logo" e non un "adeus", porque me demostrástedes que non toda a xente nova é leña verde.


Alumnado de 2º ESO B e 3º ESO


Alumnado de 3º ESO A


Alumnado de 1º Bacharelato A


Alumnado de 3º ESO B

Alumnado de 3º ESO C

Nota: as imaxes do alumnado contan con autorización para a súa publicación

24/02/15

DOODLE DE ROSALÍA DE CASTRO!

O buscador Google ofreceunos a imaxe da nosa autora máis internacional no día do seu 178º aniversario. A ver se sabedes en que obra literaria da autora se recollen os versos do poema escrito neste doodle


09/02/15

A LÍRICA MEDIEVAL (1º de Bacharelato e 3º de ESO)

Para que coñezades un pouco mellor a literatura medieval, podedes consultar os seguintes recursos:

a) As completísimas presentacións da literatura galegacantigas de amigo, cantigas de amor, cantigas de escarnio e maldicir e xéneros menores e lírica relixiosa e prosa medieval publicadas na bitácora Literatura galega por Marlou,

b) Presentación da Literatura galega na Idade Media feita por Ramón Cruces Colado (para 3º de ESO).

c) Entrada dedicada á Literatura medieval no blogue de Román Landín (3º de ESO e 1º de Bacharelato).

d) Imaxes dos manuscritos das cantigas profanas ofrecidas polo Instituto Cervantes (3º de ESO e 1º de Bacharelato).

e) Cantigas medievais galego-portuguesas compiladas no Proxecto Littera que recollen textos, música, miniaturas, manuscritos e autores (3º de ESO e 1º de Bacharelato).

f) Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa (GLOSSA) da man do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria da Universidade da Coruña.

g) O documental Cantigas de Santa María, por que en galego? que nos permitirá coñecer a importancia da lingua galega durante o medievo.

h) Webquest das cantigas de amigo (Raquel Rodríguez) para 1º de Bacharelato.

Desfrutemos da Idade Media!


09/01/15

UN AGASALLO PARA OS OÍDOS


Para comezarmos o ano con música galega, déixovos aquí "Matriarcas", o primeiro videoclip extraído do novo disco de Guadi Galego titulado Lúas de outubro e agosto



Espero que vos guste tanto ou máis ca a min! :-)