25/03/15

ENTRE DESPEDIDAS E RECORDOS

Esta bitácora, que naceu no curso 2008-2009 nunha aula de 1º de Bacharelato do instituto Xunqueira I de Pontevedra, adoita (e non *soe) recoller entre as súas entradas tarefas, recomendacións, recursos e algún que outro xogo, todos relacionados coa lingua e a literatura galega. Con todo, neste caso non será así, xa que desta volta contén un agradecemento a todos vós, alumnos do IES Val Miñor do curso 2014-2015.

Xa sabemos que o curso non rematou aínda, pero para nós si, xa que quedou reducido aos cinco meses que durou a miña substitución. Aínda así, abondounos o tempo para coñecérmonos e compatir moitos momentos educativos e divertidos, dos cales gardo un estupendo recordo. Semanas despois, sigo sorprendida con todas as vosas festas sorpresa e coa capacidade organizativa que tivéstedes, que creo que se non é con soporte gráfico, malamente se podería entender que semellante despregamento de medios puidese saír da cabeciña do alumnado dun instituto. 

Tamén gardo, nun lugar moi especial, todos os vosos agasallos que, como xa sabedes, me encantaron, xunto cos vosos comentarios e correos no cales me contades o moito que aprendéstedes nas clases e o útil que vos pareceu o galego. Espero que vós tampouco olvidedes as nosas anécdotas cotiás.
  • Mozos e mozas de 2º de ESO, non esquezades o entretido que é falar e cantar en galego e, se son as cancións do Xabarín club, mellor que mellor. Amais, en galego tamén se poden facer debuxiños xeitosos, notiñas, ir á voda dos determinantes cos substantivos e mesmo organizar almorzos para relamber o bico.
  • Camaradas de 3º de ESO, lembrade que non hai como comezar un xoves pola mañá ou rematar un venres cunha clase de Lingua galega, pois sempre podemos facer de meteorólogos por un día e ver o "mar picado"; escoitar cancións de Guadi Galego e Sés, falar de petróglifos, prefix/ks/os e sufix/ks/os e, mesmo, conseguir que o pronome vaia ben colocadiño e non ande bailando muiñeiras no medio das oracións.
  • (Ex)titorandos de 3º de ESO A, de seguro que non ides olvidar as variadas tarefas que se poden facer nunha hora semanal de titoría. Extraer gomas de mascar ao estilo máis profesional, abrillantar as mesas, analizar as notas, falar de substantivos epicenos e sincréticos, facer carteis para promover o bo uso da lingua, escoitar charlas, imaxinar o futuro e, mesmo, compartir lágrimas ou xoaniñas de chocolate. Por todo isto, paseino xenial convosco e, de novo, moitas grazas polo vídeo. Encantoume! Agora só vos falta a 3ª avaliación: a por ela!
  • Finalmente, tócalle a 1º de Bacharelato A. A pesar de non axudarnos moito o horario, creo que aproveitamos ben o tempo, grazas tamén ao noso técnico de proxectores ;-). Sei que quedástedes fascinados co mundo medieval e mais cos comentarios de texto e que perdéstedes o medo a recibir regalos fotocopiados. Ademais, as vosas notas falaron por si soas, do mesmo xeito que o fan eses correos electrónicos, que tan ben escribe a vosa representante, para agradecerme ter sido a vosa profesora.
Por todo isto, direivos que foi un pracer darvos clase e volvería facelo encantada, de aí que isto sexa un "ata logo" e non un "adeus", porque me demostrástedes que non toda a xente nova é leña verde.


Alumnado de 2º ESO B e 3º ESO


Alumnado de 3º ESO A


Alumnado de 1º Bacharelato A


Alumnado de 3º ESO B

Alumnado de 3º ESO C

Nota: as imaxes do alumnado contan con autorización para a súa publicación