16/03/18

VISITAMOS O PERGAMIÑO VINDEL E A ILLA DE SAN SIMÓN

Este mes os grupos de 1º de Bacharelato e 3º de ESO tivemos a oportunidade de visitar o Pergamiño Vindel na exposición do Museo do Mar de Vigo titulada Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas e, despois, para completarmos a excursión navegamos cara á Illa de San Simón coa finalidade de coñecer as cantigas medievais que se inspiraron na ría de Vigo e tamén a fascinante e, á vez triste, historia que garda esta illa.

Algunhas das imaxes da saída podedes velas na páxina do IES Ribeira do Louro dende onde tamén podedes escoitar o estupendo arranxo musical da cantiga de Martin Codax nº V que o profesor de Música, David Barros, fixo co alumnado.

Premede na páxina e coidado coas ondas do mar de Vigo! ;-)




23/02/18

RECOMÉNDASME UN LIBRO? 

Logo de facerdes as vosas videocríticas, estades en condicións de participar nalgún destes certames:

a) III Concurso "Ollo de vidro". Este certame ten como requisito a presentación dunha videocrítica (vós xa a tedes dominada ;-), un booktrailer ou calquera outro proxecto visual de 3 minutos, como moito, no cal se anime á lectura dun libro. Podedes acceder ás bases do concurso porque os premios son moi, pero que moi xenerosos.

b) "Reto lector", iniciativa da man da Editorial Galaxia, que consiste en ler dous libros editados por esta entidade e facer un proxecto audivisual no cal se recomende a súa lectura (máximo 2 minutos por obra). Neste certame só podedes participar se tedes entre 12 e 16 anos.

Cargade os móbiles e a gravar!


08/01/18

A Arte de trobar de SANTIAGO LOPO

O pasado ano o Premio Xerais de novela recaeu na obra do escritor, profesor e tradutor Santiago Lopo baixo a título A arte de trobar.

Trátase dunha apaixonante novela histórica centrada no século XIII que nos permite achegarnos con rigor e humor ao mundo do medievo da man dunha troupe de artistas, que procedentes de Galicia, percorren o Camiño de Santiago dando a coñecer as súas cantigas e a súas aventuras.


Dende aquí podedes visualizar o booktrailer da novela:


Desfrutade da lectura!

31/12/17

BO NADAL

Deséxovos un Bo Nadal a todos/as e un 2018 cargadiño de cousas boas (;-)!




03/11/17

A PROBA DE AVALIACIÓN DO BACHARELATO PARA O ACCESO Á UNIVERSIDADE (ABAU)

Como sabedes, dende o curso pasado a antiga Selectividade pasou a chamarse Proba de Avaliación do Bacharelato para o acceso á Universidade (ABAU). Pois, ben, é interesante que teñades á man esta páxina da Comisión interuniversitaria de Galicia (CIUG), na cal podedes coñecer as últimas novidades sobre esta proba e tamén os modelos dos diversos exames postos nos últimos anos.

ABAU e CIUG son siglas ou acrónimos? Que vos parece?



12/10/17

O PERGAMIÑO VINDEL EN VIGO!


Dende hai uns días podemos visitar no Museo do Mar de Vigo a exposición titulada Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas. Trátase dunha xoia da literatura medieval datada na segunda metade do século XIII e cuxo nome, Vindel, procede do libreiro (Pedro Vindel) que o descubriu, estudou e editou o seu primeiro facsímil.

Este pergameo ofrece sete cantigas de amigo da autoría de Martín Códax xunto coa súa notación musical. Podemos dicir que simboliza o alicerce da nosa lingua e da nosa música medieval, a pesar de estar custodiado na biblioteca neoiorquina Morgan Library dende que se mercou nunha poxa.

Antes de irmos visitar a exposición, estudaremos esta marabilla do medievo e coñeceremos algúns dos segredos mellor gardados do aventureiro Pedro Vindel.