Dende comezos do mes de setembro podemos atopar nos quioscos cunha regularidade mensual Oink! A revista do Xabarín Club, un proxecto nado coa finalidade de achegar aos rapaces entre 6 e 15 anos unha publicación periódica, en galego, con contidos divertidos, relacionados co mes en que se publica e dándolle protagonismo á banda deseñada. Malia retomar o nome do exitoso programa da CRTVG, O Xabarín Club, non está vinculada a este medio de comunicación, xa que é unha produción de Agalip S.L.
Este número 2 está centrado no Samaín e recoméndovola a todos, non só mozos con inquedanzas variadas, senón tamén aos centros educativos, xa que é un material moi asequible (3 euros) para incluír nas vosas caixas de lecturas das aulas e da Biblioteca escolar e, por suposto, ao profesorado. Pasatempos, recomendacións de apps, libros e películas, historias curiosas, actividades culturais de actualidade, manualidades fáciles e vistosas e un calendario mensual en formato A-3 forman parte do contido dos seus números, amais das bandas deseñadas. En concreto, este exemplar inclúe unha banda deseñada de KiKo da Silva titulada "Aprende a debuxar cómics con Fiz", que permite achegar esta actividade de creación ao alumnado de ESO e, de seguro, que con moito éxito. Xa me tarde poñela en práctica!
Ningún comentario:
Publicar un comentario