12/10/17

O PERGAMIÑO VINDEL EN VIGO!


Dende hai uns días podemos visitar no Museo do Mar de Vigo a exposición titulada Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas. Trátase dunha xoia da literatura medieval datada na segunda metade do século XIII e cuxo nome, Vindel, procede do libreiro (Pedro Vindel) que o descubriu, estudou e editou o seu primeiro facsímil.

Este pergameo ofrece sete cantigas de amigo da autoría de Martín Códax xunto coa súa notación musical. Podemos dicir que simboliza o alicerce da nosa lingua e da nosa música medieval, a pesar de estar custodiado na biblioteca neoiorquina Morgan Library dende que se mercou nunha poxa.

Antes de irmos visitar a exposición, estudaremos esta marabilla do medievo e coñeceremos algúns dos segredos mellor gardados do aventureiro Pedro Vindel.





02/10/17

CHAMANDO Á TERRA OU O NOSO PROGRAMA RADIOFÓNICO SOBRE LITERATURA

O día 9 de setembro ás 15:00h  botou a andar un programa radiofónico capitaneado pola xornalista e escritora María Solar, cuxa temática son os libros e a literatura aderezados con doses de boa música. Ata o momento citáronse autores coñecidos para todos e todas vós, por exemplo Agustín Fernández Paz e Chus Pato, e foron entrevistados Ledicia Costas, Víctor Freixanes, Diego Giráldez e Eli Ríos, entre outros.

Velaquí vos deixo a ligazón para que poidades seguir Chamando á terra, de non ser en directo, a través dos podcats que ofrece a CRTVG.


23/05/17

A CIENCIA FALA GALEGO

En varias ocasións debatemos na aula sobre a necesidade de facer ciencia en galego e sobre a capacidade que ten a lingua para ser empregada no ámbito científico. Agora mesmo sei que podedes nomear a varios científicos e científicas galegas cunha grande proxección a nivel mundial que empregan a lingua galega nas súas investigacións; a eles podedes engadir o nome de Iria Veiga, unha psiquatra compostelá que hai unhas semanas gañou o XIII Premio de artigos xornalísticos do Concello de Carballo co texto "Inchazón" (ollo! sen h-).



Dásmoslle os parabéns a Iria Veiga por compartir connosco a súa experiencia!

17/05/17

CARLOS CASARES: LETRAS GALEGAS 2017

Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado ao escritor ourensán Carlos Casares Mouriño. Recoméndovos achegarvos á súa obra, que moitos de vós xa coñecedes: As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, Vento ferido, Ilustrísima, O sol do verán...





13/05/17

QUEN DIXO QUE A CONXUGACIÓN VERBAL DO GALEGO ERA DIFÍCIL? 

Para todos e todas aqueles/as que dicides que o paradigma dos verbos da lingua galega, con alternancia e irregulares, é complicado, debedes saber que cun bo adestramento non se vos vai resistir ningún verbo nin tempo verbal. Para conseguilo imos empregar a aplicación deseñada por Gabriel Pérez Durán e Óscar Rivas González, coñecida como O ximnasio dos verbos.

Esta app funciona sen necesidade de conexión a Internet, polo tanto poderemos empregala en calquera lugar onde nos encontremos, pero para certas consultas, como coñecer o significado dos verbos, debemos estar conectados á rede.

A que non sabedes onde naceu esta aplicación?

Sodes coñecedores de que Lingua galega e a literatura tamén se estuda en moitas universidades de toda Europa e América; pois ben, esta aplicación naceu como un proxecto docente das aulas de lingua e cultura galegas no Romanisches Seminar da Universität Heidelberg (Alemaña).

(Fonte: Portal galego da lingua)



Espero verbos a todos no ximnasio (dos verbos)! ;-)

11/03/17

AS INTERFERENCIAS E AS DESVIACIÓNS DA NORMA (1º Bacharelato)

Esta semana afondamos na variedade estándar da lingua galega e no proceso da súa fixación. Ademais analizamos as interferencias lingüísticas (castelanimos, lusismos, etc.) e clasificamos os fenómenos que provocan a desviación da norma (hipergaleguismos, vulgarismos, arcaísmos, etc.). Como repaso, velaquí tedes unha síntese deste tema, moi útil, elaborada no IES de Mos.

Ademais, dende esta ligazón podedes descargar as Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega, publicadas pola RAG e o ILG no ano 2003.




Ánimo coa vosa catalogación de interferencias e desviacións da norma e xa sabedes que as cantigas populares son unha fonte inesgotable para reflexionarmos sobre este tema :-)