03/02/11

UN AGASALLO PARA OS OÍDOS... MÚSICA E LITERATURA CÓLLENSE DA MAN (4ºESO)

Logo de facermos un percorrido polas Vangardas europeas, toca centrarnos na galega e neste caso imos descubrir a conexión que hai entre a Sexta Sinfonía de Beethoven "A Pastoral" e o poema do (hilozoísta) Amado Carballo titulado S-6, publicado na súa obra O galo (1928).

S - 6
A sua queixa no brañal
debulla con voz de prata
a fonte, nunha sonata
no clavecin de cristal,
e arrente d'unha silveira
monea no violón
con triste e pesado son
unha abella aventureira.

Aló n' un souto remoto
un grilo ben afinado
trema un fadiño miñoto
«muito ben repinicado»,
e o concertista pin pin
rebuldante poI-os matos
acompáñao en pizzicatos
no seu besgo violín.

O xílgaro mais alá
con voz de tipre barata
acomete unha fermata
de ópera italiâ,
e o cuco no piñeiral
con gran degaranza proba
na frauta do trinque nova
tod'a escala natural.

Entran «a tempo» facendo
os piñeiros violinistas
en compaña dos soistas
un sentimental crescendo,
e como na Pastoral
ten un canto realista
d'emoción oitocentista
o rego antr'o salgueiral.

O autor con este poema escribiu as impresións que lle causaba escoitar esta peza beethoveniana composta entre 1804 e 1808. É posible que a escollese por dous motivos fundamentais:
a) A temática: a composición está baseada en escenas do campo e lembrade! que o tema principal do Hilozoísmo é a natureza.
b) O rupturismo: a composición rompeu os moldes clásicos ao ter cinco movementos e non catro, como era o habitual. Son: 1 "Chegada ao campo"; 2 "Escena no regato"; 3 "Reunión de campesiños"; 4 "Tormenta" e 5 "A Calma despois da tormenta".

Amado Carballo soubo representar no seu poema algúns dos cinco movementos, pero sabedes cales?

Como vedes, a música e a literatura van collidas da man ;-)



Ningún comentario:

Publicar un comentario