24/06/14

MICRORRELATOS ENCADEADOS (2º ESO A)

Estes son os microrrelatos encadeados do alumnado de 2º de ESO A do CPI O Toural de Vilaboa. Bo verán a todos e todas!
___

Saín da casa a correr con dirección á estrada. Podía sentir o vento nas miñas orellas; cada vez estaba máis preto da miña moza, que se atopaba ao outro lado da estrada dando un paseo polo parque. Corrín á présa co meu can e xusto cando estaba a punto de encontrarme con ela, pasou un fermoso coche vermello que algo aprisionou baixo a súa roda.
-Eh! Acabamos de atropelar un can! -sinalou o condutor.

A. B. C.
_________

-Eh! Acabamos de atropelar un can! -sinalou o condutor.
-Pobriño el. Terémolo que ir enterrar.
Alá fomos co pobre canciño esmagado. Levámolo a unha veiga, cavamos unha fochanca e démoslle sepultura. Xusto cando acabaramos de tapar o burato escoitouse o seu laiar característico; o Roque estaba esmagallado, pero vivo! Era incrible! Tan incrible que parecía un soño...
E, ao final, foi un soño.

I. A. P.
__________

E, ao final, foi un soño. Espertou!
Tratábase dun bo home chamado Iñaqui, que estaba casado cunha malvada meiga. Ela facía tropezar ao seu pai, o rei, quen non saía do quirófano. A meiga que era moi olvidadiza asinaba sen ler, engaiolada polo amor que lle tiña a Iñaqui.
Finalmente, condenaron a Iñaqui sen culpa e o presidente do seu goberno díxolle:
-Se segue así o teu pai non o encineran, fúndeno!

G. A. G. 
__________

-Se segue así o teu pai non o encineran, fúndeno! A meiga deuse conta do mal que lle estaba a facer o seu pai e foino visitar. Alí díxolle que sentía moito facerlle tanto mal e que a partir dese momento comezaría a comportarse ben e axudaríao no que fixese falta para conseguir a súa recuperación, pero non sen antes levar a cabo o plan que tanto tempo estivo matinando...

E. C. G.
__________

O plan que tanto tempo estivo matinando consistía en deixar que o seu pai lle pegase para vingarse. Tardou tanto en argallar tal parvada debido a que a meiga era pouco espilida. O pai deulle unha malleira que a deixou na UCI.

A. C. L.
_________

O pai deulle unha malleira que a deixou na UCI,motivo polo que a policía se achegou á vivenda e levouno a un xulgado. Despois dunhas cantas horas o xuíz ditou a súa culpabilidade.
Os policías levárono ao autobús de presos para transportalo ata o cárcere. Mentres ía de camiño ao cárcere, os seus compañeiros, que eran mercenarios e exmilitares, viñérono buscar nos seus coches tuneados e no seu helicóptero. Desde xeito, rescatárono!
A policía puxo os pais entre os máis buscados do territorio galego.

I. C. F.
_________

A policía puxo os pais entre os máis buscados do territorio galego. O pai da bruxa escapa do continente ata chegar a Botsuana, onde dedicaba o seu tempo á caza. Un día, logo dunha intensa indagación policial, o pai da bruxa foi detido nun cárcere africano.

N. F. del R.
_________

O pai da bruxa foi detido nun cárcere africano. Os seus ollos íanse pechando lentamente. Oíase xente berrando, correndo e pedindo axuda. Finalmente, media hora despois chegou a ambulancia, pero xa era demasiado tarde, xa que o home morrera.

L. L. B.
_________

Finalmente, media hora despois chegou a ambulancia, pero xa era demasiado tarde, xa que o home morrera. Uns días despois, descubriuse que o home lle deixara cinco millóns de euros á súa irmá. Meses despois morreu de cancro deixándolle outros catro millóns de euros ao seu fillo.

S. M. C.
_________

Meses despois morreu de cancro deixándolle catro millóns de euros ao seu fillo. O seu fillo, un home moi bondadoso, decidíu doarlle a Cáritas uns poucos deses cartos, e outro tanto a investigacións contra o cancro. Deixou para el, só dous millóns de euros. Destinounos a arranxar a vella casa en que vivía e a comprarlle un anel para a petición de matrimonio á súa moza, mais esta rexeitou a súa oferta por ser un anel tan caro.

I. O. G.
_________

Mais esta rexeitou a súa oferta por ser un anel tan caro.
A muller decidiu marchar a Hawai. Cando chegou alí, diante dos seus ollos tiña un paraíso. Nunca matinara que deixando ese anel podería permitirse unha vida así. Todo era perfecto, tiña unha mansión inmensa, un maiordomo guapísimo e, diante dela, a mellor praia de todo Hawai!
Nese momento abriu os ollos e atopábase nun segundo andar cheo de teas de arañas e estarricada nun sofá con moito po.

M. R. G.
_________

Nese momento abriu os ollos e atopábase nun segundo andar cheo de teas de arañas e estarricada nun sofá con moito po. Levandouse pouco a pouco, mirando cara aos lados cunha mirada medoñenta e con terror, tremía e comezaba a magoar. Estaba soa! Baixou as escaleira ata o primeiro andar, porque non había ninguén no segundo, petou nas portas, pero ninguén lle abría.

Chorando marchou fóra do edificio; non había nin unha triste persoa, nada, porque estaban as rúas totalmente solitarias? Ás 6:25h da tarde, alguén tiña que haber un venres pola tarde, que estaba pasando?

A. R. A.
__________

Ás 6:25h da tarde, alguén tiña que haber un venres pola tarde, que estaba pasando?
Era como se estivera só no mundo. Porque? Cal é o motivo polo que non atopaba a ninguén? A melancolía empezaba a achegarse á súa mente. Os ollos empezaron a humedecerse pola preocupación. Empezou a chorar. Non aguantou máis as bágoas. Aquilo parecía o mesmo océano Pacífico. Non se ía preocupar máis. Xa investigaría. Esperou un intre e... xa está! Xa sei onde están! Era o clásico R. Madrid-Barça! Estaban todos no Portal do Ribeiro, o novo bar da miña tía Mariluz. Ten unha pantalla de televisión de máis de 50 polgadas polo menos! Foi para alá, seguro que aínda podía velo rematar.

A. S. V.



Imaxe (autorizada) do alumnado de 2º ESO A do CPI do Toural (Vilaboa)

Ningún comentario:

Publicar un comentario